“Felicitamos su iniciativa de proponer la inclusión de estos nuevos humedales en la lista de humedales de importancia internacional”. Technical Support (Europe). Secretariat of the Convention on Wetlands
Convención de Ramsar: humidais de importancia internacional
De acordo coa Convención sobre os humidais de Ramsar, entre os “Criterios para a Identificación de Humidais de Importancia Internacional” contemplados no Grupo B de “Criterios baseados en especies e comunidades ecolóxicas” inclúese como Criterio 2 que “Un humidal deberá ser considerado de importancia internacional se sustenta especies vulnerables, en perigo ou en perigo crítico, ou comunidades ecolóxicas ameazadas”.
En España o procedemento de inclusión de novos humidais na Lista Ramsar require a proposta formal da Comunidade Autónoma correspondente, o sometemento a información pública, a análise técnica do Comité de Humidais e o exame da Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade, sendo finalmente o Consello de Ministros quen acorda autorizar cada nova incorporación, tras o que a Secretaría Ramsar procede á inclusión efectiva na Lista Ramsar
Humidais protexidos de Galicia
Segundo o “Decreto 127/2008, do 5 de xuño, polo que se desenvolve o réxime xurídico dos humidais protexidos e créase o Inventario de humidais de Galicia”, un criterio suficiente para que un humidal poida ser declarado protexido é que “albergue hábitats ou especies que aparezan recollidos nas listaxes oficiais de rango internacional, nacional ou da Comunidade Autónoma de Galicia, así como outras especies que posúan unha gran singularidade no mantemento da biodiversidade dos humidais de Galicia” (Artigo 5.a). A declaración de humidal protexido en aplicación do Decreto 127/2008 é competencia da Xunta de Galicia.
Importancia actual dos humidais limiaos
Malia máis de seis décadas de intensas transformacións hidrolóxicas e agrícolas, a chaira da Limia aínda conserva retazos do antano gran complexo húmido Limia-Antela cunha elevadísima importancia para a conservación da biodiversidade de flora e fauna. Con respecto á flora, compre salientar que toda a información científica dispoñible coincide en que as poboacións a nivel mundial do cardiño de lagoa Eryngium viviparum:
- Están gravemente ameazadas, polo que a especie está incluída:
- Na categoría de “En perigo de extinción” na Lista Vermella da UICN (Lansdown, 2013).
- Nas Listas Vermellas da flora ameazada de España (Moreno, 2008) e Francia (Olivier et al., 1995).
- Nos Anexos II e IV d Directiva Hábitats como especie prioritaria.
- No Apéndice I do Convenio de Berna relativo á conservación da vida silvestre e do medio natural en Europa.
- Están prácticamente concentradas no Noroeste de España (Romero e Rubinos, 2003; Romero et al., 2004) e moi especialmente na chaira da Limia onde, segundo as estimacións máis recentes, concentraríase máis do 95% dos efectivos coñecidos da especie nas zonas temporalmente inundables da “Veiga de Gomareite” (Vilar de Barrio), a “Veiga de Vilaseca” (Trasmiras), a “Veiga de Lamas” (Xinzo de Limia) e a “Veiga de Toxal” (Porqueira) (Glemarec, 2014; Rascle et al., 2019).
Proposta de SGHN
Pola enorme importancia a nivel mundial para a conservación de Eryngium viviparum, SGHN ven de solicitar á Xunta de Galicia inicie os trámites para que as zonas temporalmente inundables da “Veiga de Gomareite” (Vilar de Barrio), a “Veiga de Vilaseca” (Trasmiras) – incluído o “Humidal Antonio Villarino” restaurado por SGHN-, a “Veiga de Lamas” (Xinzo de Limia) e a “Veiga de Toxal” (Porqueira) sexan:
- Incluídas na “Lista Ramsar de Humidais de Importancia Internacional”.
- Declaradas “Humidais protexidos” en aplicación do art. 5º do Decreto 127/2008 da Xunta de Galicia.
Para o seu coñecemento e aos efectos oportunos, SGHN remitiu asimesmo a proposta ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e á Convención sobre os humidais de Ramsar.
Bibliografía citada
- Glemarec, E. 2014. Plan national d’action en faveur du Panicaut vivipare (Eryngium viviparum). Compte-rendu de la mission de prélèvements d’échantillons sur des individus des populations ibériques – août 2014. Conservatoire botanique national de Brest – Antenne de Bretagne, 32 páx.
- Lansdown, R.V. 2013. Eryngium viviparum. The IUCN Red List of Threatened Species 2013: e.T161835A5502083. http://dx.doi.org/10.2305/IUCN.UK.2011-1.RLTS.T161835A5502083.en
- Moreno, J.C. (coord.). 2008. Lista Roja 2008 de la Flora Vascular Española. Dirección General de Medio Natural y Política Forestal (Ministerio de Medio Ambiente, y Medio Rural y Marino, y Sociedad Española de Biología de la Conservación de Plantas), Madrid.
- Olivier, L., Galland, J.-P., Maurin, H. and Roux, J.-P. 1995. Livre Rouge de la flore menacée de France. Tome I: espèces prioritaires. Museum National d’Histoire Naturelle, Service Patrimoine Naturel, Conservatoire Botanique National de Porquerolles, Ministère de l’Environnement, Paris.
- Rascle, P., Flaven, E., Bioret, F., Magnanon, S., Glemarec, E., Gallet, S., Imbert, E. 2019. Genetic consequences of long-term isolation for the last French population of Eryngium viviparum (Apiaceae). Bot. J. Linn. Soc. 191(2):285-298.
- Romero, M.I., Ramil P., Rubinos, M. 2004. Conservation status of Eryngium viviparum Gay. Acta Botanica Gallica 151: 54–64.
- Romero, M.I., Rubinos, M. 2003. Eryngium viviparum Gay. En: Bañares, A., Blanca, G., Güemes, J., Moreno, J.C., eds. Atlas y libro rojo de la flora vascular amenazada de España. Taxones prioritarios. Madrid: Ministerio de Medio Ambiente–Tragsa, 694–695.