No marco da “Semana Forestal 2026” organizada pola Delegación de Alumnos da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra (Universidade de Vigo), varias representantes da Delegación de Pontevedra da Sociedade Galega de Historia Natural, entre elas a coordinadora da sección de Botánica, Saleta González, e os coordinadores da sección de Herpetoloxía, Moisés Asensi, e da sección de Ornitoloxía, Álvaro Rodríguez, e os socios e membros da sección de Entomoloxía, Suso Requejo e José Rodrigo, guiaron este pasado luns unha saída de campo para dar a coñecer a rica biodiversidade coa que conta o ENIL do Río dos Gafos na cidade de Pontevedra.

Durante o percorrido, que contou con numerosa presencia de alumnas e alumnos da mencionada escola, as persoas asistentes gozaron coas explicacións a pe de campo sobre varias das especies de anfibios observadas, entre elas varios exemplares de limpafontes e ras, como Lissotriton boscai e Lissotriton helveticus, e Rana ibérica e Pelophylax perezi respectivamente.
Polo que respecta ás aves, cabe destacar entre as diferentes especies observadas ao longo da ruta, a pomba torcaz (Columba palumbus), o paporrubio (Erithacus rubecola), a cetia das ribeiras (Cettia cetti), a carriza euroasiática (Troglodytes troglodytes), o meerlo negro (Turdus merula), a papuxa das amoras (Sylvia atricapilla), o ferreiro real (Parus major), o ferreiriño dos piñeiros (Periparus ater), a pega rabilonga (Pica pica), e o pinpín común (Fringilla coelebs).


Xunto a elas, o grupo puido gozar tamén de diferentes especies botánicas, como Cardamine pratensis, Chelidonium majus, Ranunculus ficaria, Hyacinthoides paivae, Pentaglottis sempervirens, Raphanus raphanistrum… ainda que tamén varias especies exóticas invasoras como Allium triquetrum ou Tradeschantia fluminensis. Polo que respecta ás especies propias do bosque de ribeira con porte arbóreo, os asistentes ollaron entre outros, varios exemplares de ameneiro, así como salgueiros, bidueiros, loureiros, e outras especies alóctonas invasoras como os eucaliptos ou a Robinia pseudoacacia.



Respecto do grupo dos insectos, destacaron sobre maneira as bolboretas diúrnas, entre elas varios exemplares de Pieris rapae, Pieris napi, Leptidea sinapis, Pararge aegeria, Vanessa atalanta, Celastrina argiolus e unha Polygonia c-album, ademais dun par de eirugas na procura dun lugar no que pupar de Euphydryas aurinia, unha das poucas especies protexidas na nosa comunidade que principiará a voar en apenas dúas semanas.
A colaboración que a Delegación de Pontevedra da SGHN mantén coa Escola de Enxeñaría Forestal ven de hai anos, non en vano o paraninfo desta escola convértese ano tras ano na sede das Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade, organizadas pola delegación pontevedresa da SGHN, un referente na divulgación do coñecemento e investigación sobre diferentes aspectos do eido medioambiental na nosa comunidade que a finais do mes de novembro deste ano 2026 celebrarán xa a súa IX edición.


