Un achádegado impresionante para a biodiversidade galega?

Segundo unha información á que tivo acceso SGHN, recentemente localizouse entre os concellos das Somozas e As Pontes de García Rodríguez unha zona cunhas características bioxeográficas tan absolutamente extraordinarias e únicas a nivel mundial que merecería a súa proteción integral inmediata e o seu estudio urxente por un equipo multidisciplinar de investigadores das universidades galegas e da comunidade científica internacional.

Efectivamente, segundo dita información, nunha zona de monte cuberta polos “hábitats 4030 (breixeiras secas europeas) e 9230 (Carballeiras galaicoportuguesas con Quercus robur e Quercus pirenaica)” e a 14 km en liña recta da beiramar máis próxima estarían presentes:

  • Tres especies de peixes de auga salgada (Muxel Chelon labrosus, Lamprea mariña Petromyzon marinus e Platixa Platichthys flesus).
  • Tres especies de tartarugas mariñas (Tartaruga boba Caretta caretta, Tartaruga verde Chelonia mydas, e Tartaruga golfina Lepidochelys kempii).
  • Dúas especies de aves estritamente mariñas (Paiño europeo Hydrobates pelagicus, e corvo mariño cristado Phalacrocorax aristotelis)
  • Unha ave limícola (Píllara das dunas Charadrius alexandrinus).
  • Unha ave de canaveiras e humidais (Escribenta das canaveiras Emberiza schoeniclus).

Esta NON é unha inocentada, alomenos non de SGHN, pois esa “información” está literalmente extraida dun Estudo de Impacto Ambiental (EIA) sometido neste momentos a información pública.

Unha vez máis, e xa perdimos a conta, as siglas EIA veñen a significar “Estudo de Inutilidade Ambiental”. Así, este “estudo” vense a engadir a outros “memorables” como aquel que atopou baleas azuis na contorna terrestre da cidade de Pontevedra, e ao do encoro de Baxe (Caldas de Reis) no río Umia (as páxinas 1, 37, 75-92, 119 e 168 do PDF son antolóxicas) do cal o enxeñeiro responsable acabou sendo Conselleiro de Medio Ambiente e tendo as máximas responsabilidades na avaliación de impactos ambientais en Galicia …

  • Divulga ti tamén!

    RSS
    Facebook
    Facebook
    Twitter
    Instagram