Venda de caracolas mariñas protexidas

Unha especie ameazada, protexida no papel …

Nas costas mariñas galegas se pode atopar unha caracola mariña coñecida coma bucino, buguiña, cornecho ou corno de mar. É un gasterópodo da especie Charonia lampas (Linnaeus, 1758) que está catalogada coma “Vulnerable” nos catálogos galego (Decreto 167/2011) e español de especies ameazadas (Real Decreto 139/2011). Ademais, está protexida polo Convenio de Berna (anexos II e IV) e o Protocolo do Convenio de Barcelona (anexos II e IV).

O corno de mar é unha caracola que alcanza gran tamaño e se atopa en augas litorais ata os 100 metros de profundidade. A súa carne pode consumirse e a súa concha é apreciada para decoración, uso en acuariofilia e coleccionismo. As principais ameazas para esta especie son a súa captura e morte para aproveitar as cunchas ou a venda para consumo (normalmente fóra de Galicia). É moi pouco común e a súa abundancia ven diminuíndo nas últimas décadas o que levou á súa protección en Galicia. O Decreto 88/2007 que regula o Catálogo Galego de Especies Ameazadas, establece a prohibición de posuír, transportar, vender ou expoñer para a venda, importar ou exportar exemplares silvestres vivos ou mortos desta especie.

Polo tanto o corno de mar é unha especie de invertebrado protexida pola lei en Galicia e España. Non está permitida a venda en lonxas ou mercados nin a venda de cunchas para decoración.

… á venda na beiramar galega

SGHN detectou a venda desta especie de forma continua en postos de cunchas de O Grove, con 46 exemplares expostos o 25-07-2024.

Asimesmo, SGHN detectou a venda de Charonia lampas na lonxa de Ribeira por novas na súa web oficial, tanto recentes (19-07-2024) como no pasado (19-08-2019).

Peticións de SGHN

Ao abeiro da lexislación vixente, SGHN denunciou á Consellería do Mar e á Consellería de Medio Ambiente a venda ilegal da especie Charonia lampas en Galicia, solicitando a adopción das medidas necesarias para erradicar a venda de cunchas ou animais enteiros en toda Galicia, perseguindo legalmente cos medios administrativos necesarios a tenencia ou venda da especie. É necesario garantir a protección das especies en perigo de conservación para que non desaparezan dos nosos ecosistemas naturais. Reverter o estado actual das rías galegas e o litoral galego e conservar os recursos pasa por facer cumprir as leis que protexen ás especies mais vulnerables.