33 anos de permisos ilegais para capturar frinxílidos

Coa súa entrada na Unión Europea en 1985, España asumiu como propia toda a lexislación comunitaria, incluida a Directiva 79/409/CEE sobre protección das aves silvestres, máis coñecida como Directiva Aves e hoxe actualizada na Directiva 2009/147/CE. Dende aquela xa lonxana data a captura de frínxilidos polos afeccionados ao silvestrismo para concursos de aves canoras é ilegal en España, pero as administracións estatal e autonómicas seguían a tolerar esta actividade, nos últimos anos “acolléndose” supostamente ao rexime de excepcións contemplado na Directiva Aves.

A raíz da apertura dun expediente de infracción por parte da Comisión Europea en xullo de 2011, seis comunidades autónomas (Baleares, Castilla y León, Canarias, Cantabria, Cataluña, Navarra e Pais Vasco) prohibiron a captura de frinxílidos, pero as restantes, incluida Galicia, persistiron na teima de autorizar dita actividade ilegal.

O recente “Dictame motivado – Infracción nº 2016/4028″ da Comisión Europea do 17-05-2018 é simplemente demoledor e desmonta, unha por unha e con total rotundidade, as excusas das administracións españolas para permitir “a captura con vida das seguintes especies silvestres de frinxílidos: Carduelis carduelis, Carduelis cannabina, Serinus serinus, Fringilla coelebs e Carduelis chloris” para a práctica do silvestrismo e os concursos de aves canoras por:

  • Incumprir a obriga de demostrar a inexistencia doutra solución satisfactoria, pois a Comisión Europea considera moi amplamente demostrada a viabilidade da cría en catividade desas especies, das cales xa había dispoñibles moitas parellas de reprodutoras e aves nadas en catividade.
  • Incumprir o requisito de “explotación prudente”, pois a información máis actual indica unha forte diminución a longo prazo das poboacións de Carduelis cannabina e Serinus serinus, e unha lixeira diminución recente a curto prazo das poboacións de Fringilla coelebs e Carduelis carduelis.
  • Incumprir os criterios de condicións estritamente controladas (as autoridades españolas non informaron sobre a execución e eficacia dos labores de vixilancia que deberan realizar) e modo selectivo de captura (as redes de peche considéranse non selectivas).

No caso concreto de Galicia, ademais, a Comisión Europea engade o feito de recoñecer expresamente na súa resposta que as excepcións concedidas tiñan entre os seus obxectivos o desenvolvemento da actividade do silvestrismo en si mesma, para a que non existe encaixe legal na Directiva Aves.

O “Dictame motivado” insta ao Reino de España a que adopte as medidas requeridas para axustarse ao dictame motivado nun prazo de dous meses, que vence o vindeiro 17 de xullo, polo que SGHN ven de solicitar información á DX de Patrimonio Natural sobre as medidas adoptadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural para que Galicia se adapte ao Dictame motivado da Comisión Europea e deixe de incumprir a Directiva 2009/147/CE relativa á conservación das aves silvestres.

Carduelis carduelis

Serinus serinus

Fringilla coelebs

Carduelis cannabina

Carduelis chloris