5 de decembro: Día Mundial do Solo

“Solos para a Vida” Extraordinario video divulgativo sobre a importancia dos solos.

Hai seis anos, co lema “Soils for life”, celebrouse en Berlin a “First Global Soil Week” organizada polo Institute for Advanced Sustainability Studies de Postdam. O primeiro día presentouse o video animado “Let’s talk about soil” (Falemos do solo) que explica a realidade do solo como recurso no mundo, cubrindo os aspectos de degradación, urbanización, apropiación de terras e sobreexplotación; o video, ademais, plantexa opcións para que sexa máis sustentable o manexo que facemos dos solos. O video é realmente unha xoia da divulgación científica e tamén ambiental: riguroso, claro, ameno e visualmente moi atractivo; IMPRESCINDIBLE. Por se iso fóra pouco, estivo dispoñible en 5 idiomas, un deles o castelán, pero lamentablemente na actualidade só está dispoñible en inglés: “Let’s talk about soil”.

Por outra banda, o video serve de magnífico complemento á reseña do “Día mensual do medio ambiente” que SGHN adicou ao solo e na que se explica a importancia trascendental do solo como base de todos os ecosistemas terrestres e reservorio dunha parte moi importante da biodiversidade.

5 de outubro, catro meses despois do Día Mundial do Medio Ambiente

Na reseña do mes de setembro falabamos da enquistada problemática incendiaria en Galicia. Os efectos máis evidentes dos lumes déixanse notar a nivel paisaxístico, sobre todo cando se observa a cuberta vexetal calcinada. Pero un dos problemas derivados dos incendios forestais, no que case ninguén repara, son os seus efectos directos e indirectos sobre o solo.

Coa chegada das chuvias os lugares que foron pasto das lapas de lume perden aceleradamente a terra. Os solos espidos, desprovistos de raíces e de cobertura vexetal, e sen estrutura, desfanse e incapaces de absorber a auga son arrastrados por ela. O que antes era unha esponxa que fabricaba vida agora muda nun torrente de auga turbia con consecuencias que poden ser aínda moito peores que o propio lume. A chuvia arrastra as cinzas e erosiona a capa máis superficial do solo, a máis rica en nutrientes e materia orgánica, perdéndose parte da súa fertilidade e capacidade de almacenar auga, reducindo a produtividade das terras e agravando as secas do verán. Se consideramos que nas zonas de clima temperado un centímetro de solo (unhas 100 toneladas) tarda en formarse de 100 a 500 anos e que despois dun incendio se perden entre 1 e 240 toneladas de terra fértil por hectárea podemos intuir a gravidade do problema.

Para moitos o solo é só esa terra que fica oculta e disfuncional baixo unha capa impermeable de edificios e infraestruturas, ou un solar que agarda ese destino (un 6% da superficie de Galicia está cuberta de asfalto e formigón e a penas un 12% son espazos naturais protexidos). Nembargantes, a capa superior da codia terrestre ten para todos nós unha función vital: constitúe o sustrato onde se sementan, xerminan, chantan as súas raices e medran as plantas, que nos proporcionan alimento e materias primas para as nosas actividades. Aínda máis, o solo é un auténtico mediador das relacións entre os seres vivos, a xeosfera e a atmósfera. Os procesos que implican ao solo son innumerables e inclúen funcións tan importantes como a neutralización ou inmobilización de contaminantes (metais pesados, biocidas…), a retención da auga e o almacenamento e transformación de nutrientes para as plantas.

Non é de extrañar, pois, que un famoso investigador da ciencia do solo afirmase hai xa medio século que “si se destrúe o solo, perdemos a nosa liberdade de elección e acción, condenando a xeneración presente e ás vindeiras a innecesarias privacións e perigos” (Lowdermilk, 1953). Non podía ser máis atinada dita afirmación pois o solo é a base de todos os ecosistemas terrestres e, pensando egoistamente, tamén é os cimentos da propia humanidade.

Solo e diversidade
Formación do solo e biodiversidade. De dereita a esquerda o solo vaise desenvolvendo e, paralelamente, aumenta a biodiversidade que soporta, mentres que a degradación do solo e a conseguinte perda de biodiversidade van no senso contrario.

Pero, ademais, no solo atópase a maior parte da biodiversidade mundial. Non son especies habituais nos documentais, como as fermosas orquídeas, os rápidos e atractivos felinos, as maxestuosas águias ou os entrañables cachorriños de oso. Trátase de pequenos mamíferos (toupas, furafollas…), micro e macroinvertebrados (lombrigas, alacráns, formigas, grilos, ….) e microorganismos dos que demasiado a miudo nos esquecemos, malia xogar un papel transcendental nos ecosistemas e tamén nas nosas vidas. Baste pensar, por exemplo, nas lexións de fungos que acubilla o solo (ata un millón de individuos por gramo), entre os máis abondosos dos cales están os do xénero Penicillium, que proporcionaron á humanidade o primeiro antibiótico, a penicilina. Algúns outros poden mesmo semellarnos noxentos polo que comen, como os coprófagos que se alimentan de excrementos, algo sen dúbida con moito menos “glamour” que un gran superpredador como o lobo; pero nos ecosistemas as interrelacións entre as especies son moi complexas e velaquí que a conservación do lobo e a dun insecto coprófago (o coleóptero Ceratophyus martinezi, endémico de Iberia) están relacionadas.

Hoxe,  e os 365 días de cada ano, SGHN seguirá a traballar no estudio, divulgación e defensa do patrimonio natural galego.