Crónica das II Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade

A pasada fin de semana (24 e 25 de novembro) celebramos na cidade de Pontevedra as II Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade. Tal e como acontecera hai exactamente un ano, a resposta do público foi francamente espectacular, o cartel de certo que o merecía…

As xornadas deron comezo o sábado 24 as 09:30 horas, cando o delegado da SGHN en Pontevedra D. Xosé Lois Rey Muñiz e o Director da Escola Universitaria de Enxeñería Forestal, D. Juan Picos Martín, presentaron a xornada aos asistentes.

Inauguración das xornadas por Juan Picos e Xosé Lois Rey
Inauguración das xornadas por Juan Picos e Xosé Lois Rey

D. Marcos Perille Seoane, colaborador na Área de Botánica da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña nos estudos que veñen realizando sobre polinización, caracterización e distribución das orquídeas galegas, foi o primeiro dos relatores en intervir. A súa máis que interesante conferencia versou sobre a diversidade e polinización das orquídeas de Galicia, eses pequenos tesouros botánicos que engalanan coa súa espectacular beleza moitos recunchos de toda Galicia.

Conferencia sobre orquídeas de Marcos Perille
Conferencia sobre orquídeas de Marcos Perille

D. Gonzalo Mucientes Sandoval, investigador no Centro de Investigação em Biodiversidade e Recursos Genéticos (CIBIO-InBio da Universidade de Porto), foi o seguinte en intervir. A súa conferencia centrouse no alarmante estado das poboacións de diversas especies de quenllas peláxicas (debido en gran medida a presión pesqueira á que están sometidas), e nos métodos de estudo dos seus movementos ao longo e ancho dos océanos, dúas das liñas de investigacións que se están a desenvolver na actualidade en dito centro.

Conferencia sobre quenllas de Gonzalo Mucientes

Trala pausa de media mañá, foi D. Alberto José Redondo Villa, profesor da Universidad de Córdoba e realizador de documentais, quen tomou a palabra no paraninfo da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra. A súa ponencia sobre como comunicar biodiversidade ao través do audiovisual, sobre o conflito existente ás veces entre a mensaxe que o director quere transmitir, a verdade do que está filmando, e o que o gran público está acostumado a ver nas grandes producións, foi un verdadeiro luxo que nos fixo disfrutar dabondo e deixounos con ganas de máis! Pero iso sería o domingo…

Conferencia de Alberto Redondo sobre comunicación da biodiversidade
Conferencia de Alberto Redondo sobre comunicación da biodiversidade

O seguinte en intervir nos relatorios da xornada matinal sabatina foi D. Juan E. Trigo, integrante do Grupo de Estudo do Medio Mariño (GEMM), coautor da magnífica “Guía de los moluscos marinos de Galicia” recentemente publicada. Iniciou a súa intervención explicando aos asistentes as diferenzas de significado entre os conceptos de especie exótica, especie invasora e especie exótica con potencial invasor. De seguido, continuou o seu relatorio cunha exposición cronolóxica das entradas en Galicia das principais especies de moluscos invasores na actualidade, da súa procedencia, de como foron introducidas, do xeito no que afectan ás especies autóctonas e do seu estatus na actualidade entre outros interesantes aspectos.

Conferencia de Juan Trigo sobre moluscos invasores
Conferencia de Juan Trigo sobre moluscos invasores

A conferencia de D. Juan E. Trigo deu paso á de D. César Ayres Fernández, representante da Asociación Herpetológica Española quen fixo unha interesante análise sobre a gran problemática da recuperación de solos de minas fronte a recuperación de especies ameazadas. Ofreceu interesantes exemplos de boas e malas prácticas ao respecto, como por exemplo as que se están a levar a cabo no sur da provincia de Pontevedra na zona das Gándaras de Budiño.

Conferencia de César Ayres sobre recuperación de minas e hérpetos ameazados
Conferencia de César Ayres sobre recuperación de minas e hérpetos ameazados

Rematou a xornada de mañá coa intervención de D. Roberto X. Hermida Lorenzo, da Asociación Drosera, profundando nos retos na conservación dos morcegos en Galicia. Entre outros temas, Roberto informou en detalle sobre os traballos que desde a iniciativa Morcegos de Galicia se están a desenvolver na procura de afondar no coñecemento dos quirópteros en Galicia e traballar na súa conservación.

Conferencia sobre morcegos de Roberto Hermida
Conferencia sobre morcegos de Roberto Hermida

Tralo necesario xantar, D. Joám Evans Pim, da Comunidade de Frojám en Lousame, foi o encargado de abrir os relatorios da xornada do sábado en horario de tarde.  Joam falounos sobre as interesantes iniciativas que se están a levar a cabo nas chamadas “Áreas Conservadas por Povos Indígenas e Comunidades Locais” (ICCAs), outra maneira de protexer os nosos montes e a diversidade biolóxica, onde as especies autóctonas, e as actividades sociais e culturais dinamizadoras do territorio cobran un especial protagonismo.

Conferencia de Joam Evams sobre ICCAs
Conferencia de Joam Evams sobre ICCAs

A penúltima das conferencias programadas para o sábado correu a cargo de D. Adolfo Cordero Rivera, docente e investigador na propia Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, quen introduciu ao público asistente sobre o novidoso concepto de “etodiversidade” e a relevancia do comportamento nos estudos de biodiversidade. Unha verdadeira novidade nos eidos da etoloxía e da biodiversidade e as súas innegables conexións que de seguro augura unha revolución nas teorías ao respecto. Fantástica!

Conferencia de Adolfo Cordero sobre etodiversidade
Conferencia de Adolfo Cordero sobre etodiversidade

D. Serafín González Prieto, presidente da SGHN foi o encargado de pechar as intervencións da xornada falando sobre os plans de conservación das especies ameazadas de Galicia. Un panorama do máis desolador, xa que en palabras do propio investigador o catálogo non sirve practicamente para nada, xa que ao ritmo actual farían falla 407 años para ter redactados todos os plans de recuperación das especies en perigo de extinción. E nada máis e nada menos que 1.309 anos para ter redactados os das especies vulnerables. Poden agardar tanto tempo todas estas especies?, xulguen vostedes mesmos…

Conferencia de Serafín González sobre plans de conservación de especies ameazadas
Conferencia de Serafín González sobre plans de conservación de especies ameazadas

Un máis que interesante debate cheo de preguntas dirixidas ao conxunto dos conferenciantes alí presentes serviu de remate á completa xornada do sábado.

Público durante as conferencias do sábado
Público durante as conferencias do sábado

… e chegou o domingo…

 A hora, as 19:00, o lugar, o Teatro Principal de Pontevedra, a climatoloxía adversa… pero a resposta do público volveu a ser de novo espectacular… O motivo, a proxección en exclusiva e primicia para Galicia dentro da programación das II Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade organizadas pola SGHN do documental “Mariposas”, un magnífico traballo realizado por Alberto José Redondo Vila, recentemente laureado na XXIX ediciónda Bienal Internacional de Cine Científico de Ronda-México-Madrid.

Documental "Mariposas"
Documental “Mariposas” de Alberto Redondo

A proxección deixou fascinados a todos os alí congregados. Varios foron os minutos que duraron os aplausos destinados ao gran director cordobés, que moi emocionado agradeceu sinceramente a fantástica reacción do público, ao que destinou practicamente unha hora de diálogo tralo remate da proxección, respondendo as múltiples e interesantes preguntas que alí lle foron plantexadas.

Público asistente á proxección do documental "Mariposas"
Público asistente á proxección do documental “Mariposas”