Verdades, medias verdades e mentiras sobre a auga

A desinformación, os bulos e as falsas noticias non son nada novo, aínda que algúns se empeñen en chamarlle agora “fake news”. O que se pretende conseguir con elas tampouco é novo. Por non ir máis aló, baste lembrar que Goebbels aseguraba que “unha mentira repetida mil veces convértese en verdade”. Contra a desinformación ás veces pode resultar útil reducila irónicamente ao absurdo…

Adiviña que titulares son certos

Na seguinte lista mesturanse titulares recentes de prensa con outros ficticios. Eres capaz de distinguilos?

  1. Critican a uns funcionarios por facer o seu traballo. “Nunca tal cousa se vira” exclaman indignados.
  2. Queixas contra as denuncias da Garda Civil por roubar gasóleo de maquinaria agrícola. “É que o necesitamos para ir roubar becerros co camión” se xustifican.
  3. Critican o celo de Tráfico coas infracciones dos conductores. Os conductores creen que debería haber máis sensibilidade.
  4. Critican o celo do Seprona cos agricultores de pataca de A Limia. Os agricultores creen que debería haber máis sensiblidade.
  5. Ladróns de baterías de maquinaria agrícola critican que os deteña a Garda Civil.
  6. Borrachos ao volante síntense “perseguidos” polos controis de alcoolemia. Os bébedos empedernidos creen que Tráfico debería ser máis comprensivo con eles.
  7. Agricultores de pataca de A Limia, “perseguidos” por controis de rega.
  8. Crean unha Asociación de Multados no Confinamento para protestar contra as sancións por incumprir o estado de alarma.
  9. Un camping queixase de que lle pecharon unha piscina construida ilegalmente que enchía con auga captada sen permiso dun río.
  10. Multado por circular en dirección prohibida queixase da inxustiza: é que chegaba tarde á partida no bar.

Solución á adiviña

A metade dos titulares (3, 6, 8, 9 e 10) son completamente ficticios. Tres titulares son ficticios, pero baséanse en feitos reais: crítica a axentes do Seprona por traballar (1) e roubos a agricultores e gandeiros (2 e 5).

Os titulares 4 e 7 son auténticos. A extracción de auga para rega directamente dos ríos está prohibida. No caso da Limia provoca dende hai máis de 20 anos que os principais cursos fluviais sequen no verán, nun colapso hidrolóxico sen parangón en Galicia. Con este motivo, SGHN ven de emitir o seguinte…

Comunicado de prensa

Diante de varias novas destes días na prensa que se fan eco da opinión dos agricultores en relación con sancións derivadas do uso das augas para rega na Limia, SGHN considera necesario lembrar que o Servizo de Protección da Natureza creouse como resposta especializada da Garda Civil ao mandato constitucional de garantir o dereito dos cidadáns a gozar dun medio ambiente adecuado así como o deber de conservalo. O Seprona é responsable de velar polo cumprimento das disposicións legais de conservación da natureza, incluíndo a protección das augas.

Polo tanto, estas actuacións do Seprona están dentro da súa responsabilidade e ámbito competencial e enmarcadas nos labores que teñen encomendados pola normativa legal vixente. Exactamente o mesmo que cando outros corpos da Garda Civil sancionan a un infractor por incumprir a lei de seguridade vial ou as normas de seguridade derivadas do Covid-19.

Por outra banda, SGHN tamén desexa lembrar que ten comunicado en múltiples ocasións ás diferentes administracións autonómicas, estatais e europeas diversas irregularidades en canto ao uso e o estado das augas na comarca da Limia. SGHN advertiu reiteradamente do enorme problema ambiental derivado da continuada sobreexplotación incontrolada das augas e da súa contaminación. Lamentablemente, ningunha administración avaliou en profundidade o problema nen artellou as medidas oportunas para asegurar a conservación e dispoñibilidade a curto, medio e longo prazo do recurso auga en cantidade e calidade. Un recurso que é básico, non só para os agricultores senón tamén para os gandeiros, a poboación en xeral, e a saúde do medio ambiente.

SGHN entende perfectamente a actuación complexa que se está vivindo e, aínda que resulte estraño, desexa felicitar ao Seprona por realizar o seu traballo. Pero tamén desexa lembrar aos responsables (administracións e confederación) que non poden seguir mirando cara outro lado ou poñer parches. É preciso, e máis que urxente (levamos anos de atraso), traballar na procura de alternativas e implantar solucións ao problema hidrolóxico da Limia especialmente polos súas repercusións sobre o medio ambiente, a economía e a poboación limiá.