Achegándose ós Anfibios e Réptiles de Ourense

Por terras de Riós e Vilardevós

Poucas veces temos ocasión de aprender algo destas outras especies e ao tempo rexistar e actualizar citas para completar o Atlas de anfibios e réptiles de Galicia, pero de cando en vez esto pode acontecer e así foi o caso do pasado 31 de maio.

As previsións eran de temperaturas altas ou moi altas para algunhas localidades de Ourense. Xa no punto de encontro confirmouse a predición, iniciándose a xornada cunha breve explicación do plan previsto, incluíndo algúns datos dispoñibles da distribución dos hérpetos nas zonas a visitar.

Así empezou o percorrido para achegarse a varias pozas, fontes e tanques de incendios nos que efectuar mostraxes de anfibios e mesmo coa expectativa de poder citar algunha nova especie para os concellos do Riós e Vilardevós, especialmente preto da fronteira en áreas máis térmicas.

Sempre cos permisos necesarios

Antes de seguir convén recordar que para poder manipular fauna silvestres hai que contar cós permisos administrativos pertinentes e que ademáis, cando se trata de anfibios, hai que ter en conta o risco que supoñen as enfermedades emerxentes.

Máns e mangas á obra

Tendo todo ben clariño e a sabendas de que cumplimos todos estes requisitos, empezou o traballo nunha balsa de formigón onde o canto das rás presaxiaba bós resultados na mostraxe, sobre todo pola presencia de varios elementos accesorios que aumentan as posibilidades: unha zona enchoupada natural dende a que entra a auga no tanque, un aliviadeiro de auga e unha arqueta de saída de auga. Pero o máis salientable é que o tanque “non está limpo” ou o que é o mesmo “ten vexetación” cousa que incomoda moito a maioría das persoas, especialmente ás alleas á importancia destes espazos para un gran número de especies. Con esta apreciación fálase do impacto das limpezas de fontes, balsas e tanques de incendios sobre as poboacións de anfibios e invertebrados acuáticos e lémbrase que xa en 2018 SGHN remitiu comunicación a Xunta de Galicia sobre a importancia de establecer como mínimo un protocolo para estes traballos có obxecto de reducir o impacto destas actuacións (ver máis…).

Postos a “manguear”, observouse a existencia dunha certa distribución de especies por zonas; mentres na charca da entrada da auga atopáronse larvas de limpafontes, no aliviadeiro dominaban as larvas de salamántigas. Pero estas zonas tamén son querenciosas para algún réptil como as cobras de auga, neste caso unha Natrix maura que de seguro andaba á procura de alimento. E non ían ser menos as libélulas, das que se atoparon algunhas larvas mentres os adultos sobrevoaban o tanque unha e outra vez mesmo facendo postas.

Despois, en Tomonte tratouse de tomar mostras na fonte dos bucráneos pero non houbo moita sorte, especialmente cós anfibios, pois a poza inferior estaba aberta e non había auga.

Na fervenza da Cidadella

A Fervenza da Cidadella foi o marco elexido para o xantar disfrutando da paisaxe, e das charlas e anécdotas que soen acompañar estes momentos tranquilos do día.

E pola tarde máis … especialmente de anfibios nun punto de incendios situado nun lugar bastante afastado das poboacións e situado nunha valgada pegada a un regato e tamén ben provista de vexetación. Nesta ocasión ao “manguear” aparecen uns pequenos ou moi pequenos cágados de Sapiño comadrón e de Rá patilonga; tan pequenos son que resulta bastante difíciles de localizar e observar, así que volvemos insistir no tema das limpezas dos tanques de incendios e xa non falamos da conveniencia dun protocolo senón máis ben de establecer a mellor época para facer estes traballos, resulta evidente que hai que escoller ben o momento no que levar a cabo estas actuacións e que debe de ser fóra das épocas de crianza dos anfibios.

Unha vez máis unha xornada ben interesante grazas a colaboración dos compañeiros da Sección de Herpetoloxía da SGHN, e xa quedamos emprazados para repetir a experiencia despois do verán. Ahí vos agardamos. Preme aquí para ver listado de especies rexistradas durante a xornada.

  • Divulga ti tamén!