Coñecendo as aves no CDR O Viso

O luns 26 de maio os centros de ensino IES Lagoa de Antela de Xinzo de Limia e o IES Allariz de Allariz programaron unha xornada dentro das actividades que se realizan no pobo escola do CDR “O Viso” en Lodoselo. Dende a SGHN sección Antela e o CDR O Viso presentámoslle una proposta para coñecemento das aves do entorno máis inmediato e unha visita guiada. Ante a aceptación de esta proposta, quen mellor que o noso compañeiro Javier Heras da SGHN, sempre amable e solícito a calquera actividade que signifique ensinar, amar, acercarse e respectar o medio natural; aceptou o noso convite con toda a xenerosidade coa que el é capaz. Programamos en conxunto e tamén completouse con outras accións propostas dende os monitores do CDR “O VISO”.

Inicialmente Javier ofreceulles unha presentación con numerosas imaxes de aves próximas a nós, moitas que pasan desapercibidas polo seu tamaño, pero cheas  de cores e formas como se vivirán en selvas distantes.  Foi unha charla inmersiva, con aves situadas no seu hábitat natural, con sons dos paxaros e diferentes cantos segundo o seu estado, con numerosas anécdotas que os rapaces e rapazas escoitaron con moita atención, facéndolles participar con anécdotas para o seguimento da mensaxe que pretendía transmitir. Ao remate da charla os nenos e nenas quixeron saber máis e fixéronlle moitas preguntas.

Rematada esta presentación explicámoslle que íamos pór en práctica parte do aprendido, e íamos facer un percorrido polos camiños e sendas máis próximos. Andamos por camiños de terra e adentrámonos entre os soutos de castiñeiros a través de sendas con valados de pedras e árbores lonxevos ao redor. Durante esta visita vimos voar, vimos pousadas nas polas, sebes e paos diferentes aves e sobre todo Javier escoitou aqueles sons que só el é capaz de percibir (ver listado especies). Así foron descubrindo un mundo que esperamos lles enganchara e que algún deles se inicie nesta actividade marabillosa que é coñecer os nosos compañeiros da aventura que é a vida, respectando e intentando conservar para os que veñan detrás de nós a ser posible un mundo un pouco mellor que o que atopamos.

Moitas grazas Javier, e tamén aqueles nenos e nenas que estiveron atentos a esta experiencia.

  • Divulga ti tamén!