Nova conferencia do ciclo de Xuntanzas Naturalistas organizada pola Delegación de Ferrol da SGHN co patrocinio da Deputación da Coruña.
As briófitas son o grupo máis antigo de plantas terrestres que existen na actualidade. Apareceron por primeira vez hai uns 500 millóns de anos, cando a vida comezaba a colonizar a terra, e preceden a todas as plantas e animais terrestres que coñecemos hoxe. Constitúen o segundo grupo de plantas máis diverso e inclúen tres liñaxes principais: os musgos, as hepáticas e os antocerotas. O seu pequeno tamaño fai que a miúdo pasen desapercibidas, pero desempeñan funcións ecolóxicas fundamentais, como a retención de auga, a fixación do carbono e o nitróxeno atmosféricos e a formación do solo. Aínda que son organismos estruturalmente sinxelos, as briófitas son extraordinariamente resistentes e versátiles, e conseguiron colonizar practicamente todos os ecosistemas do planeta, dende desertos e montañas ata bosques tropicais, coa única excepción do medio mariño. Nesta charla, faremos unha breve inmersión no fascinante mundo das briófitas, explorando aspectos clave da súa bioloxía e ecoloxía, e tamén examinando algúns dos seus usos e aplicacións. O obxectivo é destacar a súa beleza e importancia ecolóxica, e suscitar curiosidade e interese por un grupo de plantas tan antigas como sorprendentes.
Teresa Boquete Seoane é bióloga e doutora en Medio Ambiente e Recursos Naturais pola Universidade de Santiago de Compostela, onde realizou a tese de doutoramento sobre o uso dos musgos terrestres como biomonitores da contaminación do aire. Despois de estancias en EEUU, Italia e varios lugares de España, actualmente é investigadora Ramón y Cajal na Universidade Autónoma de Madrid, onde combina a docencia en cursos de grao e mestrado coa investigación sobre a reprodución e a ecoloxía dos musgos terrestres.
- Título: O bosque en miniatura: o fascinante mundo das briófitas
- Data: 15 de maio 2026
- Hora: 19:30
- Lugar: Auditorio do Museo de Historia Natural de Ferrol
- Organiza: Sociedade Galega de Historia Natural
- Patrocina: Deputación da Coruña.

