Tal e como quedaramos o ano pasado volvemos ao estudo e seguimento dos hérpetos polo sur da nosa provincia de Ourense, nesta ocasión o día 25/04/2026 visitando os Concellos de Verín e Oímbra, xunto coa Sección de Herpetoloxía da SGHN.



Cunha temperatura máis ben baixa para a época e coa participación dun nutrido grupo de persoas, iníciase a actividade cun paseiño entre campos pola beira do regato de Feces para avaliar as posibilidades deste punto que, finalmente, resulta máis fructifero para insectos e aves que para anfibios e réptiles.



Deseguido visítanse algúns dos lugares previamente seleccionados nas beiras do Támega, algún regato e unha charca. O croar das rás é o primeiro indicio da presecia de anfibios en case todos os puntos escrutados pero para localizar outras especies faise imprescindible unha mostraxe máis a fondo empregando as mangas nos lugares que semellan maís acaídos. Do traballo de “mangueo” encárganse varios dos participantes que contan cós permisos e coa formación precisa para manipular os exemplares e aplicar os protocolos sanitarios evitando a transmisión de enfermidades víricas emerxentes.



O tanteo do terreo e a recollida levan un tempiño que os demáis participantes aproveitan para disfrutar da paisaxe e atender á contorna: bolboretas, aves, flora e paisaxe ata o momento da identificación dos exemplares recollidos coas pertinentes explicacións.



A área recreativa de O Rosal foi un excelente entorno onde capturar exemplares en diferentes estadios, disfrutar das especies e aprender algo máis sobre os seus ciclos biolóxicos, destacando a Raniñaa ou ra de Santo Antón e a cobra de auga.



Rematado o xantar os seguintes puntos de mostraxe xa estaban en zonas afectadas polos devastadores lumes de agosto de 2025, empezando pola canteira de O Rosal. Na charca da canteira non foi posible recoller ningún anfibio probablemente pola combinación de varios factores: o nivel alto da auga, a forte pendente das beiras, o efecto dos lumes sobre a calidade da auga e máis pola presenza de Black Bass; neste punto a única especie de réptil localizada foi a lagartixa colilarga.



O programa completouse coa visita a dous puntos de auga para os servizos contra-incendios do concello de Oímbra, infraestruturas que dan pé para comentar aspectos da súa xestión en relación coa conservación e a protección da fauna acuática:
- As limpezas que se realizan có baleirado total dos tanques e que representa un grave problema para a conservación de postas e larvas de distintas especies, moitas delas protexidas. Problema que se solucionaría si estas actuacións se realizasen fóra do período de cría e se recollesen os exemplares na saída do tanque.
- A falta de estruturas para facilitar a saída dos tanques, tamén problema de sinxela solución coa instalación de rampas.
Xa coas últimas capturas, observacións e comentarios remata a xornada e novamente volvemos quedar emprazados para a próxima. Moitas grazas aos participantes e ao equipo de traballo que fixo posible esta interesante xornada.


