Pontevea, 9 de maio de 2026.
Ficamos hoxe aquí para esixir da Xunta a suspensión do concurso de pesca de salmón que vai ter lugar mañán 10 de maio en catro coutos do río Ulla. Este evento podería supoñer a captura e morte de exemplares reprodutores de salmón atlántico, o que resulta incompatíbel coa crítica situación da especie que en Galiza está no limiar da extinción. Nas actuais circunstancias, cada salmón é un tesouro xenético que non podemos permitirnos o luxo de perder.
O salmón atlántico é unha das especies máis emblemáticas dos ríos galegos, pero leva décadas en acusado devalo. Segundo o Atlas do Salmón Atlántico en España (2021), as poboacións galegas reducíronse máis dun 80% dende 1970. Pasamos de máis de 20 ríos salmoneiros con presenza reprodutora a menos de 8 na actualidade e con poboacións reducidas e illadas. No Ulla apenas se contabilizan 50 individuos reprodutores (eran miles hai só unhas décadas), moi por baixo do límite para garantir a viabilidade da poboación. Recentemente (2025) un estudo da Sociedade Ibérica de Ictioloxía achegou datos aínda máis preocupantes: o devalo do salmón acelerouse, xa que nos últimos 10 anos a súa presenza no Lérez reduciuse nun 94,8%, e no Ulla un 77,9%.
Fronte a esta crítica situación, entidades ecoloxistas e conservacionistas solicitamos a inclusión salmón atlántico no Catálogo Galego de Especies Ameazadas coa categoría “En perigo de extinción”. Isto suporía a veda total do salmón, sen excepcións, e obrigaría á Xunta a aprobar un Plano de recuperación con medidas e orzamento para reverter a situación crítica pola que atravesa a especie. Iniciamos tamén unha campaña de apoio á petición que vai xa polas 2800 sinaturas e demandamos a convocatoria urxente do Observatorio Galego da Biodiversidade. Ningunha destas iniciativas tivo resposta por parte da Xunta.
Mañán, e malia o catastrófico estado das poboacións de salmón apontado polos numerosos estudos e datos científicos, a Xunta vai permitir a súa pesca con morte. A consellaría de Medio Ambiente considerou “improcedente” adoptar as medidas cautelares de protección solicitadas para suspender calquera actividade que puidera prexudicar á especie. Dixo que “non concorren circunstancias que acrediten prexuízos de difícil ou imposible reparación”. Que maior prexuízo para unha especie en perigo que a morte dos seus últimos individuos reprodutores?
Por iso estamos aquí: para esixirmos á Xunta que atenda aos argumentos da ciencia e suspenda o permiso para pescar mañán salmón no Ulla. Apelamos tamén á responsabilidade das sociedades de pesca participantes no concurso, para que fronte ao desleixo da Xunta, renuncien voluntariamente mañán a pescar o salmón. Na actual situación, un Campanu xa non é unha festa, é unha traxedia. Ou actuamos agora, ou perderemos definitivamente este tesouro natural.
Por un SALMÓN VIVO e un RÍO ULLA VIVO!
ADEGA, AEMS-Ríos con Vida, Sociedade Galega de Historia Natural, Federación Ecoloxista Galega, Asociación Lobo, A Ulla Viva e as plataformas Ulloa Viva, En Defensa da Ría de Arousa e Mina Touro-O Pino Non.
