300 camariñas no viveiro, 2300 camariñas próximamente
Ao fío das últimas novas relativas á camariña (Corema album) nas Illas Atlánticas, SGHN aproveita para felicitar sinceramente ao Parque Nacional e á Consellería por afrontar estes traballos de propagación en viveiro para reforzas as minguadas poboacións nas dunas do parque.
Dito doutro xeito, SGHN felicita sinceramente ao Parque Nacional e á Consellería por actuar xusto de xeito contrario ao ditame da D.X. de Patrimonio Natural, que desbotou a proposta de incluír a camariña como vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Dita proposta, feita por SGHN en 2019, baséase na información científico-técnica dispoñible segundo a cal a especie cumpre nove dos criterios para a súa catalogación (A1, A2, B1, B2a, B2b, B2c, B2d, D e F) e probablemente os criterios C1 e C2. Daquela, de nada serviu o apoio á proposta de catalogación por parte de tódolos membros do Observatorio Galego da Biodiversidade agás, precisamente, dos representantes da Consellería.


SGHN lémbralle á Consellería a necesidade de implicarse, máis pronto que tarde, na adopción de medidas e no desenvolvemento de actuacións integrais sobre as poboacións -ou mesmo individuos illados- de camariña noutros lugares onde a especie está ou estivo presente en tempos recentes.
Máis aló do meritorio traballo nas Illas Atlánticas, a inclusión da camariña como vulnerable no CGEA si que sería, como di a Conselleira, “un paso decisivo” para asegurar a conservación a largo prazo desta especie autóctona e emblemática. Sería tamén unha mostra inequívoca do compromiso da Xunta para garantir a preservación da biodiversidade moito máis alá da plantación de novos exemplares de camariña nun espazo concreto.
Din que é de sabios rectificar. Rectificará a Consellería catalogando a camariña?
