A piques de cumprirse 4 anos dende que SGHN solicitara a inclusión da camariña no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA) na categoría de “Vulnerable” (máis…). Tres anos despois de que a Xunta tivese todos os estudos e informes que encargou sobre a situación da especie. Quince meses despois de dar tan só 10 días de prazo aos membros do Observatorio Galego da Biodiversidade (en adiante OGB) para que opinasen e votasen sobre a proposta de catalogación. Catorce meses despois de rematar o prazo para remitir a acta da votación aos membros do OGB, que o vogal de SGHN tivo que reclamar por rexistro hai máis de dous mes. Tan só un mes despois de que por fin se desvelase un segredo tan ben gardado e os membros do OGB coñecesen que o resultado da votación foi de 8 votos a favor da súa inclusión como “Vulnerable” no CGEA:
- Vogal especialista en vertebrados nomeado pola Consellería.
- Vogal especialista en invertebrados nomeado pola Consellería.
- Vogal especialista no medio terrestre nomeado pola Consellería.
- Vogal especialista en criptógamas nomeada pola Consellería.
- Vogal especialista en fanerógamas nomeado pola Consellería.
- Vogal representante da Universidade de Santiago de Compostela.
- Vogal representante da Universidade de Vigo.
- Vogal representante da Universidade da Coruña.
e só 3 votos en contra da súa catalogación:
- Presidenta do OGB e Directora Xeral do Patrimonio Natural
- Secretaria do OGB
- Vogal da Dirección Xeral do Patrimonio Natural
Con 4 membros do OGB que non respostaron ao procedemento escrito e coa abstención forzosa do vogal de SGHN por un suposto imperativo legal argüido pola Dirección Xeral.
Despois de non incluír o punto na orde do día do OGB, e incluilo hoxe de refilón noutro punto por mor da queixa do vogal de SGHN.
Hoxe, na reunión do OGB a D.X. de Patrimonio Natural comunicou que se ratifica na valoración que transmitira no procedemento escrito e que polo tanto NON incluirá a camariña como vulnerable no CGEA.
Hoxe é un día triste para a biodiversidade galega. Tamén para a participación dos expertos en biodiversidade nomeados pola propia XG e polas universidade galegas, así como para a participación cidadá neste órgano consultivo.
Hoxe a D.X. de Patrimonio Natural ven de ratificar que o Observatorio Galego da Biodiversidade precisa un cambio urxente de nome. Quizais Observatorio Galego da Perda de Biodiversidade ou, aínda máis acaído, Observatorio Galego da Inutilidade da Consellería de Medio Ambiente.
