Nebulosa da Cabeza de Cabalo Azul

Moi preto do centro da nosa galaxia a Vía Láctea, e na constelación de Escorpio, atópase unha nebulosa grande e feble, demasiado tenue para ser visible a través do ocular dun telescopio, aínda que si a cunha foto de longa exposición. Trátase de IC4592, a nebulosa da Cabeza de Cabalo Azul, que non ten nada que ver coa famosa nebulosa Cabeza de Cabalo que hai en Orion. Atópase a 420 anos luz de nós, a súa magnitude é moi débil, ocupa 3 por 1.5 grados de ceo e a esa distancia o seu tamaño parece abarcar case 40 anos luz.

IC 4592 é unha nebulosa de reflexión formada por gran cantidade dun po moi fino que normalmente parece escuro, pero debido á tendencia do po interestelar a dispersar con maior intensidade a luz azul das estrelas enerxéticas próximas, fai que a vexamos con ese intenso ton azulado. Neste caso, a fonte de gran parte da luz reflectida é a estrela Jabbah (Nu Scorpii), Jabbah en árabe significa “a fronte do escorpión” e semella formar o hipotético ollo do cabalo que parece simular a nebulosa.

A imaxe dos nosos compañeiros de Fotografía Ferrolterra e a SGHN, inclúe unha segunda nebulosa de reflexión catalogada como IC 4601, que é visible iluminada pola intensa radiación de dúas estrelas xigantes azuis próximas ás hipotéticas orellas do cabalo, a máis brillante é HD 147010, a outra HD 147013 é un sistema binario. O po de IC 4601 contén os elementos pesados dos que están feitos os planetas, e desempeña un papel importante na creación de novas estrelas. Probablemente hai estrelas recentemente nadas nestas nubes de po. A mirada do cabalo parece fixa na estrela Acrab (o Alacrán), tamén coñecida como Graffias, é a estrela máis brillante na parte esquerda da imaxe, probablemente un sistema estelar triplo.

Nebulosa da Cabeza de Cabalo Azul