A Concellería de Educación do Concello de Ferrol e a delegación en Ferrol da SGHN asinaron un convenio de colaboración por valor de 1.000 € para a adquisición de bibliografía naturalista e científica, dando continuidade desta maneira á súa labor divulgativa a través da actividade “A Biblioteca sae ao medio: interacción libro-natureza“.
A delegación ofrecerá a cambio 3 actividades de balde, consistentes en dúas xornadas en Doniños (unha saída nocturna e outra diúrna) e unha terceira saída polos xardíns da cidade, de maneira que logo do pago dos tres seguros de responsabilidade civil do público participante nestas actividades, o remanente resultante será destinado única e exclusivamente á adquisición de material bibliográfico de carácter naturalista. Este, agás a subscrición a algunha publicación seriada, será na súa meirande parte adquirido en librarías da cidade de Ferrol.
Dende a delegación lembramos que estas tres actividades son gratuítas e que serán anunciadas uns días antes para poder realizar as correspondentes inscricións.