SGHN e o Concello de Ferrol asinan un convenio por 40.000 € para o Museo de Historia Natural

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Ferrol e a SGHN asinaron onte un convenio de colaboración por valor de 40.000 €, para o patrocinio da actividade divulgativa da SGHN a través do seu o Museo de Historia Natural.

Nos últimos anos esta concellería viña colaborando anualmente cunha aportación por valor de 32.500 €, de maneira que este ano verase incrementado o importe do devandito convenio, algo que sen dúbida servirá de gran axuda na realización da actividade diaria do Museo de Historia Natural da SGHN. Entre outras accións recollidas neste novo convenio, figuran as seguintes:

  • Atención de visitas presenciais e en liña (conexións en directo con centros educativos, centros de día e de persoas con algún grao de discapacidade que por diversas razóns non poden visitar presencialmente o museo)
  • Organización de eventos en forma de cursos, obradoiros e charlas.
  • Resolución de consultas por parte da cidadanía, de centros educativos e outras administracións (concellerías doutros concellos)
  • Exposicións temporais e novas incorporacións aos fondos
  • Publicacións divulgativas e científicas resultado de proxectos de estudo e investigación.
  • Traslado de pezas para a súa conservación na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia en Pontevedra.