A biblioteca sae ao medio: interacción libro-natureza

A Delegación de Ferrol da SGHN, ao abeiro do seu convenio coa Concellería de Educación do Concello de Ferrol, presenta unha nova edición da actividade“A BIBLIOTECA SAE AO MEDIO: INTERACCIÓN LIBRO-NATUREZA”.

Un ano máis, os labores de divulgación do patrimonio natural de Ferrol corren a cargo desta delegación da SGHN coa realización de tres saídas ao medio. Todas elas, con carácter gratuíto grazas ao patrocinio do Concello de Ferrol.

As tres actividades serán nas mañás dos sábados e a primeira delas será o vindeiro sábado 24 na propia contorna urbana, onde a entidade dará a coñecer o patrimonio natural agochado e a interacción deste coa propia cidade.

Consistirá nun percorrido polos xardíns históricos da urbe e partirá dende os xardíns das Angustias ata a Praza de Amboage. Dende a SGHN salientan que esta mesma actividade ten moita aceptación entre o público, por dar a coñecer de primeira man os elementos que polo xeral pasan desapercibidos e as árbores máis senlleiras que forman parte do patrimonio da cidade.

As seguintes serán o 18 e 25 de setembro, e terán unha versión nocturna e outra diúrna respectivamente. A intención é facer unha comparativa do que se pode observar pola noite e polo día nun mesmo lugar. Con este contraste, que se realizará na contorna do areal e lagoa de Doniños, os naturalistas indican que ademais de dar a coñecer a xea, flora e fauna do lugar, tamén se espertan os sentidos da vista, oído e olfacto do público.

Inscrición e normas

Para todas as actividades o desprazamento correrá a cargo dos participantes e é obrigatoria a inscrición previa, que se realizará na propia delegación de Ferrol da SGHN ou no teléfono 698·141·384.

Por cuestións sanitarias, o número máximo de participantes está limitado a 8 persoas máis guía. É obrigatorio o uso de mascarilla durante toda a actividade, así como manter unha distancia de seguridade entre participantes. A entidade tamén resalta a prohibición de compartir roupa, bastóns, bebida e alimentos con xente allea a un mesmo núcleo familiar.