SGHN solicita que se desbote o Proxecto de decreto polo que se modifica o PORN e se aproba o PRUX do Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán (ver PDF).
O PORN vixente do P.N de Corrubedo (Decreto 148/1992) quedou legalmente desactualizado ao non cumprir os contidos mínimos dun PORN establecidos pola normativa estatal (Lei 42/2007) e galega (Lei 9/2001, derrogada pola Lei 5/2019). Polo tanto, SGHN considera incomprensible e inadmisible a urxencia coa que se someteu a información pública (tan só 15 días!!!) a modificación dun PORN obsoleto dende hai 14 anos.
E despois deste parto das montañas naceu un rato…
Tanto o documento de revisión substancial do PORN do P.N. de Corrubedo como o PRUX son deficientes e moi incompletos, pois non cumpren os contidos mínimos fixados pola lexislación estatal (artigo 20 da Lei 42/2007) e galega (artigo 52 da Lei 5/2019).
O proxecto de Decreto propón unha zonificación moito peor que a do Decreto 148/1992 e a do Plan Director da Rede Natura 2000 de galicia (Decreto 37/2014) e en ningún caso asegura a conservación dos compoñentes da biodiversidade, xeodiversidade e do Patrimonio Natural que determinaron a declaración do Parque Natural:
- Non se contempla unha “Zona de Reserva” para asegurar os elementos máis importantes do Parque Natural, especialmente os humedais e a duna móbil.
- Utiliza como unidades: “Zona de uso limitado”, “Zona de uso compatible” e “Zona de uso xeral”. A denominación elixida para estas unidades deixa claro o menosprezo dos valores de conservación, e a subordinación dos mesmos a usos e actividades contrarias ao mantemento dun estado de conservación favorable.
- Na “Zona de uso limitado” exclúe a praia da “Área Litoral”, sen ningún tipo de xustificación ambiental.
- Non fixa os criterios de “compatibilidade” para a “Zona de uso compatible”.
- Para a “Zona de uso xeral”, considerada de baixa naturalidade, non se contempla a posibilidade de “restauración” e mellora do “estado de conservación” dos compoñentes ambientais, en contra do establecido na normativa europea (Directiva 92/43/CEE), estatal (Lei 42/2007) e autonómica (Lei 5/2019).
- Deixa aberta a posibilidade de novas construcións na “Zona de uso xeral” en terreos considerados como “núcleo rural” polo PXOM de Ribeira, que non se axusta aos criterios fixados para un Plan no artigo 6 da Directiva 92/43/CEE (artigo 46 da Lei 42/2007), polo que o PROXECTO é contrario a dereito ao pretender a autorización de facto dun flagrante incumprimento da normativa europea (Directiva 92/43/CEE), estatal (Lei 42/2007) e autonómica (Lei 5/2019) pois todo o Parque Natural é Espazo Protexido da Rede Natura 2000 (ZEC e ZEPA).
…que non trae un pan debaixo do brazo
No PROXECTO de Decreto non se inclúe un programa económico, soamente unha táboa que reflicte un orzamento anual de 100.000 €. Para un espazo da importancia e complexidade ambiental como o P.N. de Corrubedo, un orzamento de tan só 100 €/ha/ano!!! é simplemente ridículo.
Solicitudes de SGHN
- Que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural retire o PROXECTO de Decreto e inicie a redacción dun novo documento. A secuencia lóxica e racional sería modificar o PORN, cumprindo todos os contidos e obxectivos que marca a normativa estatal e autonómica, e a continuación redactar un PRUX.
- Que na redacción dos novos documentos se conte co apoio ou revisión de persoal experto e logo se discutan no Observatorio Galego da Biodiversidade, a fin de:
- Reducir as graves deficiencias que, en relación á diagnose e valoración dos compoñentes da xeodiversidade, biodiversidade, patrimonio natural, patrimonio cultural e medio socio-económico presenta o actual documento.
- Mellorar as medidas de xestión, os plans e programas.