A Frouxeira: como elefantes nunha cacharrería

Restauración ecolóxica sona ben, pero…

Hai varios días comezou a execución nas dunas grises de A Frouxeira do proxecto de “Restauración ecolóxica do sistema dunar de Morouzos (Ortigueira) e A Frouxeira (Valdoviño)”, no cadro do “Plan de recuperación, transformación e resiliencia” con financiación de fondos Next Generation da Unión Europea.

Ata o momento, as actuacións desenvolvidas consisten na talla e retirada dos piñeiros (Pinus pinaster) presentes nas dunas grises, unha medida que SGHN considerada acertada. Polo contrario, non se atopa xustificación para a eliminación da vexetación de ribeira na marxe esquerda do regato Magno afectando a exemplares de salgueiros (Salix sp.) de bo tamaño.

… así NON se restaura un sistema dunar

O emprego intensivo de maquinaria pesada é totalmente inadecuada e inaceptable para un hábitat tan sensible e protexido como as dunas grises. Aínda máis nun espazo natural que acumula cinco figuras de protección: ZEPVN “Costa de Ferrolterra-Valdoviño”, Humidal Protexido “Lagoa e areal de Valdoviño”, ZEC ES1110002 “Costa Ártabra”, Zona Ramsar 7ES025 “Lagoa e areal de Valdoviño” e ZEPA ES0000258 “Costa de Ferrolterra-Valdoviño”.

Tractor taballando en duna gris

As actuacións teñen ocasionado danos severos tanto á propia duna, con innumerables rodeiras do tractor autocargador empregado para a retirada dos piñeiros tallados, como aos asolagamentos temporais existentes na trasduna. Como dato negativo adicional cabe salientar que, ata o momento, non se eliminou a flora exótica invasora que está a colonizar as dunas grises.

Os danos ecolóxicos sobre o hábitat prioritario “2130* Dunas costeiras fixas con vexetación herbácea” supoñen un incumprimento da normativa europea (DC 92/43/CEE), estatal (Lei 42/2007) e autonómica (Decreto 37/2014). Ademais, non existe constancia da realización dun procedemento de avaliación ambiental, como require tanto a normativa anteriormente indicada, como a propia normativa europea e estatal de avaliación de impacto ambiental.

Solicitudes de SGHN

Á vista da desfeita, SGHN ven de preguntar á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia se autorizou ou non ditas actuacións. Ademais, SGHN solicitou á DX de Patrimonio Natural:

  • Que, no caso de que ditas actuacións carecesen dos permisos preceptivos, incoe o correspondente expediente administrativo sancionador contra os promotores, se esixa a inmediata restauración das áreas alteradas, e se dea traslado das xestións realizadas á Fiscalía de Medio Ambiente e á Comisión Europea.
  • Que no caso de ter autorizado ditas actuacións, facilite á SGHN copia de:
    • As solicitudes de autorización por parte dos promotores.
    • As Resolucións, Informes Técnicos e Informes da gardería dependente da DX de Patrimonio Natural.
    • O informe relativo á avaliación ambiental das obras comentadas, acorde co articulo 6 da DC 92/43/CEE.
    • Calquera informe sobre non afección ou afección sobre hábitats e especies de interese comunitario e á Rede Natura 2000 vencellado co procedemento de xestión de fondos europeos.