Ata mediados do século XX na chaira limiá destacaba un extenso complexo húmido que nas invernías chegaba a cubrir preto das 8.000 hectáreas sendo o elemento máis senlleiro a Lagoa de Antela ou Lago Beón.
Na segunda metade do século XX abordouse o desecamento da lagoa e das terras inundables provocando a desaparición dun ecosistema único e causando un grande impacto sobre a biodiversidade. O proceso de desecamento completouse coa rectificación de canles e máis coas concentracións parcelarias, mudando completamente a paisaxe tradicional aínda que foron quedando algúns anacos daqueles ecosistemas únicos onde se refuxian algunhas especies de flora e fauna de interese.
Para contribuír á recuperación destas especies, dende Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) creouse no ano 2011 a Sección Antela para traballar en prol da conservación dos valores ambientais que aínda perduran na comarca da Limia. Dende 2011 estanse a desenvolver varios proxectos en diferentes zonas da Limia: Humidal Antonio Villarino en Vilaseca, predios de varios concellos, Pozas dos Arierios e das Conícoras en Sandiás e Vilar de Santos e aquí en Gomareite procúrase a conservación da Veiga.
Antano, as augas da Lagoa de Antela cubrían esta veiga durante o inverno e a primavera mentres no verán quedaban os pasteiros que acollían o gando da contorna. Despois do desecamento a veiga foise transformando nun vertedoiro perdendo boa parte das súas potencialidades.
Recuperación da Veiga de Gomareite
Neste contexto, a recuperación ambiental da Veiga de Gomareite iniciouse coa firma dun acordo de custodia do territorio nunha data tan sinalada como o Día Mundial do Medio Ambiente de 2014 para deter o deterioro da Veiga e para tratar de recuperar os seus valores naturais, compatibilizándoo co tradicional e imprescindible pastoreo.

No cadro do convenio de custodia do territorio, dende 2014 ata 2024 desenvolvéronse moitas xornadas de limpeza con retirada manual de verteduras e xestión de residuos. Algunhas xornadas con cargo a Xarxa de Custodia del Territori ou ao programa “Libera Naturaleza sin basura” de SEO/BirdLife-Ecoembes e maiormente cós medios propios da SGHN dende a elaboración de proxectos ata a xestión de subvencións pasando por incontables xornadas de voluntariado para retirar lixo, perfilar beiras, asegurar o mantemento da auga ou xestionar a vexetación arbustiva e arbórea rexenerada na superficie da veiga.
Simultaneamente estase a desenvolver un proxecto privado de gandería en extensivo que complementa o proxecto ambiental e que contribúe a manter as condicións necesarias para que a veiga de asemelle ao que foi antes do desecamento: Durante o inverno e a primavera a veiga cóbrese parcialmente por unha lámina de augas pouco fondas, como antano, e cando as augas baixan o gando vacún pastorea na veiga, como antano.


Dende o inicio dos traballos en outono de 2014 ata decembro de 2024, téñense retirado da veiga e xestionado os seguintes residuos.
- Vidro: 5,2 m3
- Plásticos: 19,5 m3
- Pneumáticos: 76 uds
- Madeira: 2 m3
- Residuos mesturados: 119 m3
- Entullos: 120 m3
Ademais, o material procedente das concentracións parcelarias (uns 3.000 m3 de pedras) retirouse da parte central da veiga e depositouse nas súas beiras para:
- Crear muriños e diques que axudan a manter os asolagamentos durante máis tempo.
- Formar promontorios como este no que nos atopamos e habilitalos como zona de observación de aves.
