Lagoa de Antela e Veiga de Gomareite
O desougamento da lagoa de Antela (da que formaba parte a Veiga de Gomareite ) e as chairas de asolagamento na Limia, xunto coa rectificación e canalización da meirande parte dos cursos fluviais, provocou o maior episodio de extinción de especies dos últimos séculos en Galicia e decimou as poboacións doutras hoxe consideradas ameazadas. Como consecuencia de ditas transformación hidrolóxicas e do posterior abandono da gandería extensiva, desapareceron case todos os pasteiros (semi)naturais moi húmidos e os que subsisten están moi degradados, causando o declive poboacional das especies asociadas aos mesmos, varias das cales atópanse hoxe ameazadas a nivel ibérico, europeo ou mesmo mundial.
As figuras de protección (LIC Veigas de Ponteliñares, ZEPA A Limia, Reserva da Biosfera “Área de Allariz”) apenas contribuíron a mellorar a situación dos humidais relictos e as especies máis ameazadas. Ademais, a carencia dunha estratexia de comunicación das oportunidades de desenvolvemento rural, que ditas figuras ofrecen, agravou a oposición veciñal ás mesmas.
Situación previa da Veiga de Gomareite
A “Veiga” de Vilar de Gomareite, cunha superficie total de 70 ha está situada no extremo SO do concello de Vilar de Barrio, xusto na confluencia cos concellos de Xunqueira de Ambía e Sarreaus (sector NE da chaira da Limia). En tempos estaba cuberta estacionalmente polas augas da Lagoa de Antela, e na actualidade atópase íntegramente dentro da ZEPA de A Limia. Por acordo da comunidade de montes veciñais en mán común de Vilar de Gomareite, a “Veiga” está dividida en lotes, arrendados a distintos comuneiros.
No terzo norte non cultivado da “Veiga de Gomareite” aínda está representada a paisaxe tradicional das marxes da antiga lagoa de Antela e as súas veigas perimetrais, con charcas temporais e un mosaico de pasteiros e matogueiras máis ou menos húmidas de elevado valor ambiental.
Grazas ao mantemento desa paisaxe tradicional e ao asolagamento temporal, a parte non cultivada da “Veiga de Gomareite” aínda acubilla unha notable representación de especies escasas ou incluidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007), entre elas Orchis fragans, Serapias lingua, Serapias cordigera, Eryngium viviparum, Lepidurus apus, Gasterosteus gymnurus (espinoso ou picón), Pelobates cultripes (sapo de esporóns), Hyla arborea (estroza ou rairo), Circus cyaneus (gatafornela ou ave rapina), Circus pygargus (tartaraña cincenta ou ave rapina), Tetrax tetrax (sisón), Burhinus oedicnemus (pernileiro ou correbois), Charadrius dubius (arieiro pequeno), Vanellus vanellus (conícora), Gallinago gallinago (cabra do aire) e Numenius arquata (zarapico).
Custodia do Territorio na Veiga de Gomareite
Para a conservación destes notables valores ambientais é moi conveniente o mantemento dunha explotación gandeira tradicional en extensivo e a conservación dos asolagamentos estacionais en parte da parcela. Así mesmo, resulta imprescindible eliminar os principais factores de ameaza, nomeadamente as verteduras de lixo e entullos e outras actividades insostibles e pouco respectuosas co medio, así como a invasión por silveiras e mato de elevado porte.
Neste escenario, SGHN plantexouse a necesidade de demostrar que é posible, e necesario, a recuperación de humidais e especies ameazadas cun enfoque global e integrador, colaborando co sector primario (agricultura e gandería) e prestando atención a toda a biodiversidade (flora, invertebrados, peixes, hérpetos, aves e mamíferos). Con eses fins, o 05-06-2014 (Día Mundial do Medio Ambiente) o comuneiro que ten alugadas as 16 ha delimitadas en azul nas fotos aéreas de 1955 e 2011 asinou con SGHN un convenio de colaboración para a Custodia do Territorio do lote non cultivado da “Veiga de Gomareite”.
Actuacións de SGHN na Veiga de Gomareite
Conforme ao establecido no acordo de Custodia do Territorio, desenvolvéronse xa 7 xornadas de limpeza con traballo de voluntarios e custo de xestión de residuos asumido por SGHN (3), Xarxa de Custodia del Territori (2) e as axudas de apadriñamento 2017 “Libera Naturaleza sin basura” de SEO/BirdLife-Ecoembes (3) que permitiron a retirada e xestión de 26 m3 de mestura de entullos e residuos varios, 19 m3 de plástico, 2 m3 de madeiras e leñas, 1,2 m3 de vidro e 58 pneumáticos.
Desenvolvéronse, asimismo, senllos proxectos con cargo ás “axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020”, o primeiro deles en decembro de 2016 e xaneiro de 2017, e o segundo entre agosto e setembro de 2018, que permitiron o desbroce de 2,2 ha de terreo e a xestión dos materiais que se agochaban debaixo: a) retirada e entrega a xestor autorizado dun total de 120 m3 de residuos, e b) recuperación duns 500 m3 de pedras acopiadas que logo se empregaron (coa colaboración de voluntarios de SGHN) na construción parcial de senllos muros nos lindes norte e sur do predio.
Situación actual da Veiga de Gomareite
O obxectivo de recuperar a veiga e prolongar o asolagamento, retirando materiais vertidos ao chou ao longo de anos e recuperar a gandeiría tradicional en extensivo é xa unha realidade. Mellorable nas fases que xa están programadas, pero unha realidade. Hoxe, as 16 ha da Veiga de Gomareite recuperadas por SGHN aseméllanse a como eran antes da desecación da Lagoa de Antela
Durante o inverno e a primaveira a veiga está parcialmente cuberta por unha lámina de augas pouco fondas. Grazas a iso, a poboación de
Eryngium viviparum está protexido das xeadas e unha fauna diversa dispón de refuxio e alimento. Invertebrados de distribución moi restrinxida como o Lepidurus apus. Anfibios ameazados como o sapo de esporóns (Pelobates cultripes) e a estroza (Hyla molleri). E unha grande diversidade de aves, sexan migrantes ou reprodutoras na zona: garzas (Ardea cinerea), cegoñas brancas (Ciconia ciconia), patos (Anas platyrhynchos, A. acuta, A. crecca, A. clypeata) e limícolas como a cabra do aire (Gallinago gallinago), a cegoñela (Himantopus himantopus), biluricos (Tringa totanus, T. nebularia, T. ochropus), e, por suposto, conícoras (Vanellus vanellus).