A Xunta persiste no biocidio da rula

As entidades ecoloxistas están alarmadas pola actitude obstinada da Administración galega en contra do patrimonio natural. Xa anunciou no Comité Galego de Caza que manterá a media veda na Limia e non tomará medidas eficaces para evitar o declive da rula, unha especie ameazada. Malia o risco de sancións económicas, continúa desatendend­o o ultimato da Comisión Europea por vulnerar repetidamente a Directiva Aves.

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural anunciou o 15 de abril na reunión telemática do Comité Galego de Caza ―paso previo á publicación da orde de vedas desta tempada― que volverá a autorizar a caza de aves en declive na «media veda» na ZEPA de A Limia. Desatende así as esixencias da Comisión Europea e as numerosas demandas dos cidadáns e das entidades conservacionistas para que elimine definitivamente un período de caza que afecta gravemente á rula (tórtola común en castelán) e a outras aves migratorias. Desta maneira o Goberno galego ratifica a súa posición en contra do noso patrimonio natural, xa anticipada na súa negativa a que se declarara a rula como especie protexida na reunión do Consello Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade do 4 de febreiro, onde tamén votou en contra da protección do lobo.

Argumentos ridículos para eludir a sanción da Unión Europea

O proceso por infracción da Directiva Aves iniciado pola Comisión Europea o 25-07-2019 contra o Estado español por non tomar medidas que freen o declive da rula segue en marcha. No seu ditame motivado emitido o pasado mes de decembro ―acción preliminar ás actuacións nos tribunais europeos― a Comisión desmontou os ridículos argumentos cos que tratou de defenderse a Xunta, facendo uso este organismo europeo das informacións que a SGHN tenlle transmitido.

O primeiro dos argumentos da Xunta era totalmente infantil, pois pretendeu xustificar a súa postura afirmando que efectivamente en Galicia cázase a rula, pero menos que noutras comunidades autónomas. A resposta da Comisión foi a esperable: a ratificación de que autoriza a caza da rula xa era a confesión de que a Xunta está a vulnerar o artigo 7 da Directiva Aves.

Para o segundo argumento, a Xunta quixo aproveitar que o papel aguanta todo, incluso a ficción. Botou man das medidas que incluíron no seu día ―sen intención de chegar a aplicalas― no Marco de Acción Prioritaria coas que podería beneficiarse a rula. Pero a Comisión non caeu nesta trampa e retrucou que Galicia “no ha detallado las medidas a que se hace referencia para la protección y gestión del hábitat de la tórtola común, la financiación asignada para su aplicación, el nivel de esa aplicación sobre el terreno ni su eficacia para invertir la situación”. Continúa logo o ditame motivado a recriminación advertindo que “el mero hecho de que en el PDR [Plan de Desenvolvemento Rural] exista la posibilidad de financiar esas medidas [de conservación] no significa que éstas se hayan establecido y se apliquen realmente con objeto de conservar esta especie”.

Rula europea (Streptopelia turtur)

A Comisión Europea tamén condena a media veda

A Comisión Europea, ademais de reprobar a caza da rula e a ausencia de medidas para a súa conservación, constata tamén a violación da Directiva Aves en que “se ha autorizado —y se sigue autorizando— un comienzo muy temprano de la temporada de caza (a partir del 17 de agosto en la temporada de 2019/2020 y del 22 de agosto en la de 2020/2021).” Pero a Administración galega non soamente non lle fai ningún caso ó ditame motivado da Comisión, se non que xa anunciou que este ano o período de caza chamado «media veda» vai iniciarse incluso antes: o 14 de agosto. Así poderá cazarse en 9 concellos de A Limia dende esa data até o 5 de setembro.

A media veda da Limia é un grave problema ambiental. Coa autorización da Xunta, cázanse nela especies migratorias nun espazo natural protexido creado precisamente para conservalas (no período 2014-2019 matáronse 3.870 rulas e 50.172 paspallás, segundo datos oficiais). Pero con ela tamén está a darse cobertura á caza ilegal de numerosas especies protexidas, incluídas aves rapaces, pois a Xunta non ten capacidade operativa para impedilo: Os axentes de medio ambiente non poden distinguir na distancia cando está a dispararse ilegalmente a un ave migratoria protexida de cando está a cazarse legalmente un pombo.

A Limia está integrada na Rede Natura, pois foi declarada ZEPA pola Xunta de Galicia en 2009 en aplicación dunha sentenza do Tribunal de Xustiza da UE por incumprimento da Directiva Aves de crear espazos de protección para as aves.

A SGHN seguirá denunciando a hipocrisía da Xunta

Malia que os galegos teremos que pagar as sancións económicas que impoñan os tribunais da Unión Europea, a grave situación desta ave obriga á SGHN a seguir informando ó Comisario Europeo de Medio Ambiente de calquera conculcación da Directiva Aves por non establecer a Xunta unha prohibición definitiva da súa caza, non executar medidas que freen o seu declive e non eliminar a media veda. Así llo comunicou o pasado día 13 á Conselleira de Medio Ambiente para que o teña en conta e asuma as súas responsabilidades se continúa vulnerando as normas europeas.

Na reunión do comité de caza a D.X. de Patrimonio Natural non foi quen de responder cantas rulas se cazaron legalmente en 2019, cal foi o incremento de efectivos para evitar a caza ilegal nos días non hábiles da media veda ou a aplicación das medidas en favor da rula recomendadas pola Fiscalía Xeral do Estado. Pola contra, tivo a temeridade de desacreditar os censos do programa europeo de seguimento de aves e do Instituto de Investigación en Recursos Cinexéticos (CSIC-UCM), amosando a súa completa ignorancia nesta materia. Ditos censos (incluído o SACRE en España dende 1996) son recoñecidos como información fidedigna pola Comisión Europea.

Evolución da poboación reprodutora de rula común nos 20 puntos de censo do Programa SACRE na cuadrícula PG1060 en A Limia entre 2002 e 2019 (censos realizados por un Doutor en Bioloxía de SGHN).

A directora xeral non foi quen de explicar os motivos polos que a Xunta busca enfrontarse nos tribunais á Comisión Europea por manter exclusivamente en A Limia os privilexios dun reducidísimo número de cazadores. Iso fai pensar en que existen intereses inconfesables para manter a súa caza. Hai que salientar neste aspecto o comportamento hipócrita da Xunta, aceptando os fondos millonarios que veñen de Europa grazas ó Tratado da Unión, e logo desprezando as obrigas deste tratado, incumprindo sistematicamente as directivas de Aves e de Hábitats.

Un regulamento anacrónico

A vixente lei de caza é de 2013, pero a Xunta non promulgou o seu regulamento nos máis de sete anos que teñen pasado. Consecuentemente está a utilizar o elaborado para unha lei de caza do pasado século, evitando así os avances introducidos nesta materia.

A lei actual contempla no artigo 78 que na composición dos comités de caza “se incluirá unha representación ampla das entidades relacionadas co mundo da caza, da conservación da natureza e das administracións públicas”. Pero a Consellería limitou a unha única persoa a participación das entidades conservacionistas no Comité Galego de Caza, limitándolle a esta representante a pouco máis de cinco minutos o tempo para defender ela sola o patrimonio natural galego, fronte a máis de dúas ducias de persoas con perfil pro-caza (procedente de organizacións cinexéticas, da Administración e doutros sectores). Xa que logo, é totalmente obxectable a lexitimidade desta reunión do Comité Galego de Caza, tanto por vulnerar os dereitos das entidades conservacionistas.

A crítica á Administración por non ter promulgado o novo regulamento foi o único punto no que coincidiron as entidades ecoloxistas coas organizacións cinexéticas.

¡As especies cinexéticas son parte do patrimonio natural de tódolos galegos!

Entidades asinantes

Este comunicado de Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) está subscrito tamén por: Adega – Amigos da Terra – Asociacion Ambiental Petón do Lobo – Asociación Ambiental Senda Nova – Asociación Amigos e Amigas dos Bosques O Ouriol do Anllóns – Asociación Cova Crea – Asociación Ecoloxista Arco Iris – Asociación O Rabo do Galo – Asociación Rebinxe  – Asociación Salvemos Catasós – Asociación Veciñal Agra – Comité de Defensa das Rías Altas – Ecoloxistas en Acción Galiza – Greenpeace – Grupo Lobo – Grupo Naturalista Hábitat – Movemento Ecoloxista da Limia – Plataforma pola Defensa da Ría de Sada Betanzos – Plataforma pola Recuperación do Sar – Quercus Sonora – Sociedade Galega de Ornitoloxía – Terra Chá Sostible – Véspera de Nada