A Delegación de Ferrol da Sociedade Galega de Historia Natural ven de presentar Alegacións ao Estudo de Impacto Ambiental do Proxecto de Recuperación e Restauración do Dominio Público Marítimo-Terrestre na Praia de Vilarrube (Valdoviño, A Coruña).
O Dunar de Vilarrube forma parte da Rede Natura 2000, como Lugar de Interese Comunitario (“Costa Ártabra”) e Zona de Especial Protección para as Aves. Está situado no fondo sur da Ría de Cedeira, enmarcado polos ríos Ferrerías e Das Mestas. Constitúe un espazo de alto interese pola diversidade de hábitats existentes e por presentar un notable estado de conservación.
Despois de manifestar a súa satisfacción pola evolución do ecosistema, pasados varios anos dende a demolición das construcións que invadían as dunas traseiras, esta entidade demanda operar con prudencia na presente fase, chamada de recuperación e restauración, preservando este importante espazo de maiores presións que as que soporta. Fai fincapé, así mesmo, na axeitada rexeneración dunha pequeña charca, actualmente moi deteriorada debido á existencia de canles artificiais de drenaxe e a presentar un estado de eutrofización preocupante. Alegacións Vilarrube. PDF