A Sociedade Galega de Historia Natural de Ferrol denuncia, diante da Consellería de Medio Ambiente, que no que vai de verán non se respectou o caudal ecolóxico do Rego San Bartolomé (Concello de Monfero), tributario do Río Eume, sendo responsable dos feitos a empresa que xestiona a Central Hidroeléctrica do Parrote, que, como ocorre todos os anos, ten a obriga de pechar a devandita central ao comezo do verán, co obxectivo de asegurar o caudal ecolóxico ao rego, para o que é preciso pechar as comportas que desvían, durante o resto do ano, parte do caudal do Rego San Bartolomé cara a canle que subministra auga á central. A avaría dunha comporta semella ter sido a causa de que non se repuxese a auga ao leito orixinal, e que a auga acumulada no vaso de descarga saíse por unha comporta e baixase directamente cara o Eume pola ladeira do val producindo un importante efecto erosivo.
As consecuencias destes feitos poden ser graves, debido á escaseza de choivas rexistrada na primavera e no principio do verán, afectando un tramo do río de dous quilómetros de lonxitude.
Por todo isto, solicitouse á Consellería que se realice unha análise das posibles incidencias negativas, tanto sobre o Rego San Bartolomé, como os efectos erosivos na canle de desaugue do vaso de descarga, e se adopten as medidas sancionadoras que correspondan á empresa responsable, tendo en conta, ademais, a inclusión deste Rego no Parque Natural das Fragas do Eume.
Casualmente, e con coincidencia no tempo, feitos similares ocorreron no Río Belelle. Por causas que descoñecemos, a comporta que regula o paso da auga dende o azude á canle que a dirixe ao vaso de descarga da Central Hidroeléctrica da Fervenza, non se pechou, como corresponde á estación na que estamos. Así, un caudal considerable de auga, que debera circular libremente polo Río Belelle, percorre toda a canle, malia estar a central fora de funcionamento, e rebosa por un aliviadoiro existente case no remate da canle, baixando, tamén neste caso, directamente ao río en caída ao longo da ladeira.
Cómpre ter en conta que este tramo do río (de 1600 metros de lonxitude) é o mellor conservado, coa maior biodiversidade, polo que está proposto para ser incluído na Rede Natura, ao estar considerado unha das representacións de bosque atlántico máis importante da provincia de A Coruña.
Polo tanto, e nos mesmos termos que no caso anterior, pronunciámonos no sentido de solicitar a análise da situación, das posibles consecuencias e na adopción de medidas reparadoras e sancionadoras.