Alegacións da SGHN á Concentración Parcelaria da parroquia de Sta. Baia de Anfeoz (Cartelle)

A SGHN ven de solicitar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que o Estudio de Avaliación de Impacto Ambiental dodevandito proxecto de concentración parcelaria contemple:

  • A exclusión das zonas comprendidas dentro de Lugar de Interese Comunitario e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais ES1130014 “Río Arnoia”, así como os hábitats de conservación prioritaria de acordo coas Directivas da Unión Europea. No caso do ZEPVN-LIC ES1130014 “Río Arnoia” debera de crearse tamén unha banda protectora e amortecedora de impactos de 100 m de largura en ambas ribeiras do cauce e excluila do proceso de concentración.
  • Medidas estrictas de vixilancia ambiental para evitar calquera dano ó ZEPVN-LIC ES1130014 “Río Arnoia”. Ó respecto, por tratarse dun ecosistema fluvial de elevado interese e recoñecido como LIC, semella insuficiente a “revisión semanal ó longo da fase de obras” para “evitar verquidos de efluentes de maquinaria ós cauces fluviais” (páx. 37 do documento ambiental previo).
  • A preservación, sen “acondicionar”, desviar ou modificar os cauces fluviais e as zonas asolagables. Ó respecto é moi preocupante a referencia “…se por necesidade de obra, fose necesario realizar unha desviación do cauce…” (páx. 23-24 do documento ambiental previo).
  • A preservación das masas e sebes de árbores e arbustos autóctonos, especialmente no caso das ripisilvas, carballeiras e sobreirais.
  • A conservación dos lindes entre parcelas con elementos de singularidade destacados: elementos vexetais consolidados ou elementos tradicionais asociados (muros e valados artesanais), polo seu valor natural, etnográfico e paisaxístico, como acertadamente recoñece o documento ambiental previo.
  • A inclusión só das terras agrícolas de calidade: clases agrolóxicas I a IV, só excepcionalmente a clase V se son áreas pequenas (< 5 ha) mesturadas entre as de clase I a IV.
  • A avaliación con exactitude da productividade das terras antes da concentración parcelaria, en termos económicos e agrícolas.
  • O establecemento con claridade dos obxectivos que se pretenden acadar coa concentración parcelaria: demográficos, en termos de fixación ou incremento da poboación rural, e de productividade, en termos económicos e agrícolas. O cumprimento deste requisito é máis imprescindible que nunca tendo en conta a situación actual de grave crise económica e déficit público que obrigou, entre outras medidas excepcionais á conxelación das pensións e á reducción do salario dos empregados públicos.