Alexander von Humboldt en Ferrol

Dentro da programación de actividades neste 40 Aniversario da Delegación da SGHN en Ferrol, temos o pracer de convocarvos para unha conferencia singular polo seu contido e interese para o coñecemento da historia da ciencia e os seus protagonistas.

Contaremos o día 25 de outubro ás 19 h, coa presencia do biólogo Dr. Xosé Antonio Fraga Vázquez para disertar sobre Alexander von Humboldt, nado hai 250 anos na entón Prusia e considerado como o paradigma do científico global, un caso único en canto exemplo de determinación, para intentar comprender un mundo aínda por descubrir e unha ciencia precisada de metodoloxía e rigor. Aínda que é destacado o papel de Humboldt no desenvolvemento da Xeografía moderna, recoñécense as súas contribucións á bioloxía e ecoloxía actuais.

O Dr. Fraga, cunha longa traxectoria investigadora e divulgadora na historia da ciencia, abordará a importancia que tivo o apoio do Reino de España para a longa viaxe de cinco anos que realizou Humboldt nas posesións españolas en América, que marcaría a súa obra posterior. Tocará tamén unha descoñecida estancia en Ferrol, previa á súa partida na fragata Pizarro dende A Coruña, e o porqué desta visita.

Contaremos coa representación institucional do Concello de Ferrol e da Armada Española que, naquel ano 1799, acolleu e apoiou a Humboldt antes de partir na procura dos seus soños.

Esperamos contar coa vosa presenza nesta conferencia da que estamos seguros será do voso agrado.