Artesanía e biodiversidade

Aínda que poderían semellar cuestións moi distantes, hai dúas características que vencellan estreitamente a artesanía e a biodiversidade. A primeira é a singularidade, sexa das creacións artesáns ou das especies (e mesmo dos espécimes) da biodiversidade. A segunda, lamentablemente, é que con demasiado frecuencia tanto a artesanía como a biodiversidade atópanse moi seriamente ameazadas.

Dende agora, en Galicia haberá un terceiro fío condutor que as unirá: a venda de artesanía galega co gaio de recadar fondos para un proxecto de recuperación dunha especie en perigo de extinción en Galicia. Trátase da conícora, ou choromica, ou avefría (Vanellus vanellus), que dende a constitución da Sección Antela de SGHN en 2011 é unha das “especies insignia” nas iniciativas de recuperación de humidais en Limia-Antela (ver máis…).

Sandra Vilas, unha magnífica artista e artesana (Boina Galega), acolleu con entusiasmo a proposta de crear “Cora, a conícora” para SGHN. Feita con “lá de ovella merina utilizando a técnica do feltro con agulla e o feltro mollado, empregando auga e xabón artesanal”. Hai dous modelos: un a tamaño real (28 cm de lonxitude; 29 cm de altura ata o curupelo) e outro aproximadamente á metade. Os dous en exclusiva para SGHN e, como boa artesanía, cada exemplar é único. Podes mercalos no Museo de Historia Natural en Ferrol ou solicitalos aos compañeiros da Sección Antela (antela@sghn.org). Os prezos de venda son 55 € e 37 €, respectivamente.

Todos os beneficios adicaranse a proxectos de recuperación do hábitat de cría da conícora na Limia, onde se atopan os seus derradeiros núcleos reprodutores de Galicia.