“Animalada” en Trives

“Animalada en Trives”, así nos comunicaron socios e simpatizantes da SGHN un acto de destrucción deliberada de niños de “anduriña”.

Ante este feito, a Delegación en Ourense da SGHN ven de solicitar información ao Concello de A Pobra de Trives sobre a eliminación masiva, por operarios municipais, de 50-60 niños nunha fachada da Praza Doutor Paz, onde as anduriñas criaban dende hai máis de medio século. Esta actuación parece que responde á demanda dunha parte da veciñanza descontenta cós excrementos destas aves. Se ben non se coñecen aínda outras razóns por parte das autoridades locais, estas actuacións repítense a cotío nas nosas vilas e cidades por unha dobre ignorancia: todas as especies de anduriñas, xunto cos seus niños, ovos e polos, están estritamente protexidas pola lexislación (Lei 42/2007 do patrimonio natural e a biodiversidade) e, por outra banda, as molestias ocasionadas polos excrementos poderíanse evitar fácilmente cunha pequena táboa baixo os niños.

Fotografía: Niño de anduriña común sobre a porta de entrada a unha casa en Vilar de Silva (Rubiá, Ourense) que amosa a solución tradicional e sinxela para evitar as molestias polos excrementos baixo os niños.

Á marxe de consideracións de índole conservacionista, ou mesmo sentimental, sendo prácticos é preciso mencionar os beneficios destas aves para o ser humano, en concreto o seu poder “insecticida”, xa que é precisamente de moscas, mosquitos e outros insectos do que se alimentan. ¿Cántos consumen? Pois entre 5 e 6 gramos diarios por anduriña e uns 4 kilos por familia durante os meses que cohabitan con nós… se as deixamos estar, tempo no que as 50 familias ben poderían comer uns 10 millóns de insectos!! Desgraciadamente, arestora, as aves que cada ano nos traen a primavera, baten desorientadas contra os muros nos que aniñaran durante xeracións en Trives.

Cómpre moita pedagoxía para que a xente entenda que na inmensa maioría dos casos as aves silvestres que habitan as urbes nos aportan beneficios directos e calidade de vida. Que contradición observar como, mentres nas sociedades que consideramos avanzadas e admiramos pola súa potencia económica acollen aos paxaros mantendo frondosas árbores en parques e rúas, e mesmo lle poñen niños en árbores e edificios, aquí hai moit@s que non aprecian a súa beleza e mesmo as repudian. Resulta unha mágoa comprobar como os nosos representantes civís, os políticos, en vez de preservar e protexer o ben común, só satisfacen de xeito dilixente as peticións sociais máis lesivas có noso patrimonio natural e cultural.

“Animalada” en Trives, 2ª parte

Tras as actuacións iniciais de SGHN, vense de recibir resposta do Sr. Alcalde do Concello de A Pobra de Trives no que di coñecer a destrución dos niños e afirma que o seu Concello nada tivo que ver. Así mesmo, e despois da presentación da nota de prensa por SGHN, o Sr. Alcalde reclama unha rectificación de SGHN.

Á vista do anterior, SGHN ven de responder á Alcaldía de Trives e, ao mesmo tempo, inquirir información ante as afirmacións recibidas en relación á destrución de niños de anduriña, solicitando coñecer:

As actuacións que levou a cabo para garantir a legalidade no seu Concello.
Se a Corporación realizaou unha investigación encol do asunto.
Se a Corporación puxo o tema en coñecemento da autoridade legalmente competente.

“Animalada” en Trives, 3ª parte

Pois, afortunadamente, a colonia de anduriña de cú branco (Delichon urbicum) non abandonou a zona despois da destrución dos seus niños, senón que comezou a súa rápida reconstrución. Segundo información de soci@s de SGHN, no momento de escribir estas liñas xa están reconstruidos a meirande parte dos niños e, quizáis aínda máis importante para o futuro, a actitude dos veciños é agora de aprecio e respeto pola especie e os seus niños. Para facilitar a convivencia entre humanos e anduriñas SGHN suxire que unha vez rematada a actual tempada de cría se coloquen unhas pequenas taboas baixo os niños (ver imaxe máis arriba) para evitar as molestias polos excrementos baixo os niños.