Opuntia (O. maxima, O. dillenii, O. stricta, etc.) é un xénero de plantas cactáceas de orixe americana que inclúe varias especies coñecidas como chumbeiras ou figueiras do demo. Foi introducida en Europa no século XVI para cultivo agrícola (para alimentar as cochinillas productoras de tinte), polos seus froitos ou como ornamental e citada en Galicia por vez primeira polo Pai Merino no 1905.
Cando escapa do cultivo, ocupa hábitats con boa exposición ao sol e baixo risco de enchoupamento, aparecendo en Galicia entre outras, nas zonas dunares e no límite dos pinares costeiros. Por mor da súa alta densidade de ocupación e debido ó atractivo das súas flores e froitos compite coa flora autóctona, tanto na polinización coma na dispersión das sementes. Non é aconsellable o seu cultivo a fin de evitar o seu espallamento.