Un novo artigo científico corrobora a contaminación por arsénico no Anllóns debida á antiga mina de ouro de Corcoesto

Máis información sobre o arsénico en Corcoesto

No recente artigo científico de Devesa-Rey e colaboradores (2011) estes investigadores do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago afirman que (tradución literal do texto en cursiva, o único cambio feito por SGHN é o emprego de negriña para salientar algunhas frases):

  • “Nos arredores dos sitios de mostraxe 10 e 11, existen vastos filóns de cuarzo-arsenopirita que conteñen ouro e que foron explotados no pasado. A deposición de materiais metalíferos augas abaixo desta área podería ser a causa das elevadas concentracións de arsénico observadas neses sitios”(páx. 375) (Nota: os sitios de mostraxe 10 e 11 sitúanse augas abaixo de Corcoesto).
  • “Malia que a ocurrencia de arsénico na bacía do Anllóns está a asociada aos filóns de arsenopiritas, a súa acumulación nos sedimentos fluviais pode considerarse unha consecuencia directa das actividades mineiras e, polo tanto, asignada a orixe antropoxénica. A súa toxicidade para as poboacións bentónicas e o elevado contido de arsénico mobilizable de acordo co test de oxalato permiten considerar a este elemento como de elevada preocupación ambiental.” (páx. 385).
  • O elevado enriquecemento en arsénico, elevada extractabilidade con oxalato e toxicidade potencial para os organismos bentónicos salienta a necesidade dun cuidadoso seguemento ambiental dos sitios afectados”. (páx. 385)
Entrada dunha antiga bocamina en Corcoesto
Entrada dunha antiga bocamina en Corcoesto (imaxe cedida por Salvemos Cabana)

Esta publicación ven a engadirse á de Costas e colaboradores (2011), sobre os riscos sanitarios e ambientais dos elevados niveis de arsénico na bacía do río Anllóns, e á de Macías Vázquez e Calvo de Anta (2009) sobre os niveis xenéricos de referencia do arsénico para garantir a protección da saúde humana e dos ecosistemas.

Solicitude de SGHN ao Presidente da Xunta

Tendo en conta a devandita información científico-técnica, a máis recente e detallada dispoñible, publicada por prestixiosos grupos de investigación do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC), a Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago de Compostela, e mesmo financiada e/ou encargada pola Xunta de Galicia nalgúns casos, SGHN ven de solicitar ao Presidente da Xunta de Galicia (PDF):

  • Que en aplicación do principio de cautela se anule a Declaración de Impacto Ambiental positiva para o proxecto Concesións de explotación “Emilita” nº 1221, “Ciudad de Landró” nº 1454 e “Ciudad del Masma” nº 1445, que forman o coñecido como “Grupo mineiro de Corcoesto” (Cabana, Coristanco e Ponteceso; A Coruña).
  • Que a Consellería de Sanidade e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas avalíen, respectivamente, o risco natural que para a saúde humana e para os ecosistemas terrestres, fluviais e mariños supoñen as elevadas concentracións naturais de arsénico na zona en que Edgewater Exploration pretende poñer en explotación a mina de ouro de Corcoesto.
  • Que a Xunta de Galicia no autoricen ningunha explotación mineira, nin movementos masivos de terras, na zona de Corcoesto en tanto non se dispoña da devandita avaliación de risco natural.
Entrada dunha antiga bocamina en Corcoesto (imaxe cedida por Salvemos Cabana)

Ademais, SGHN remitiu á Defensora del Pueblo (PDF) unha copia íntegra do artigo científico solicitándolle que tamén o teña en conta na investigación de oficio que ten aberta pola mina de ouro de Corcoesto.

Bibliografía citada

  • Macías Vázquez, F., Calvo de Anta, R. (2009). Niveles genéricos de referencia de metales pesados y otros elementos traza en suelos de Galicia. Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (Xunta de Galicia).
  • Devesa-Rey, R., Díaz-Fierros, F., Barral, M.T. (2011). Assessment of enrichment factors and grain size influence on the metal distribution in riverbed sediments (Anllóns River, NW Spain). Environmental Monitoring and Assessment 179, 371–388.
  • Costas, M., Prego, R., Filgueiras, A.V., Bendicho, C. (2011). Land–ocean contributions of arsenic through a river–estuary–ria system (SW Europe) under the influence of arsenopyrite deposits in the fluvial basin. Science of the Total Environment 412-413, 304-314.
Val de Corcoesto (imaxe cedida por Salvemos Cabana)