As luces do Norte: Auroras boreais Efemérides astronómicas de maio

As Auroras sempre fascinaron á humanidade,  ata o extremo de querer viaxar miles de quilómetros só para ver esa fermosa luz de brillantes cores que se mostra na atmosfera da Terra.

As auroras teñen lugar nas proximidades dos polos magnéticos terrestres. As que rodean o polo Norte magnético denomínanse Auroras Boreais ou Luces do Norte, e as que rodean o polo Sur magnético denomínanse Auroras Austrais ou Luces do Sur.

Ocorren cando os electróns altamente cargados, que se atopan nos ventos solares que se afastan do Sol a velocidades de aproximadamente 2 millóns de quilómetros por hora, achéganse ás proximidades da Terra, e seguindo as liñas de forza magnética xeradas polo núcleo da Terra, flúen a través da magnetosfera, un área en forma de bágoa de campos eléctricos e magnéticos altamente cargados, onde interactúan cos elementos da atmosfera terrestre.

A medida que os electróns ingresen na atmosfera superior da Terra, atoparanse con átomos de osíxeno e nitróxeno a altitudes entre 30 e 400 quilómetros sobre a superficie terrestre. A cor da aurora depende do átomo que golpeen e da altura á que se atopen. Será verde si o fan con osíxeno ata 300 quilómetros de altura. Será vermello si o átomo golpeado é de osíxeno a máis de 300 quilómetros de altura. Será azul si o átomo golpeado é de nitróxeno ata 100 quilómetros de altura. E será violeta si o átomo golpeado é de nitróxeno a máis de 100 quilómetros de altura.

Todas estas forzas magnéticas e eléctricas reaccionan entre si en combinacións que cambian constantemente nun movemento case permanente, coñecido como a Danza das Auroras.

As auroras xeralmente atópanse ao longo dos denominados óvalos aurorales, que se centran nos polos magnéticos e corresponden aproximadamente cos círculos árticos e antárticos. As luces poden ser visibles en latitudes máis baixas cando a actividade solar é alta. En Galicia a última observada foi en 1989, viuse sobre todo no norte das provincias da Coruña e Lugo, tivo unha intensa cor vermella. No ano 2003 viuse outra nas costas asturianas e que ao parecer foi visible tamén nas proximidades de Ribadeo.

De momento e si non podedes ir velas, invitámosvos a gozar da magnífica foto dunha aurora verde, obtida por un dos nosos compañeiros da SGHN e de Fotografía Ferrolterra, nas proximidades de Bergen (Noruega) a finais do pasado ano.

  • Día 4: Saturno e a Lúa moi próximos.
  • Día 6: Choiva de estrelas Eta-Acuáridas, actividade desde o 24 de abril ao 20 de maio, cun máximo de 40 por hora. Radiante en Acuario, trátase de meteoros cunha gran velocidade, producindo bólidos moi luminosos e de longas traxectorias. Marte e a Lúa moi próximos.
  • Día 7: Ás 02:10 h a Lúa en Cuarto Minguante.
  • Día 11: Aniversario da publicación da Teoría Xeral da Relatividade de Albert Einstein (1916). A Lúa e Marte moi próximos.
  • Día 12: Mercurio e Urano moi próximos, na constelación de Piscis. Configuración difícil de observar, pola proximidade de ambos planetas co Sol.
  • Día 13: Choiva de meteoros alfa Escorpiónidas. Actividade do 20 de abril ao 19 de maio, cun máximo de 5 por hora o 13 de maio. Radiante en Escorpio.Mercurio e a Lúa moi próximos.
  • Día 15: En 1618 o astrónomo Johannes Kepler formula a terceira e última Lei que leva o seu nome, referida ao movemento dos planetas. Ás 11:49 h Lúa Nova.
  • Día 16: Aniversario do impacto da sonda Venera en Venus (1969).
  • Día 17: Venus e a Lúa moi próximos.
  • Día 20: A Lúa e o Cúmulo do Pesebre moi próximos.
  • Día 22: Choiva de meteoros: Eta-Lyridas, actividade do 16 ao 25, cun máximo de 3 por hora, radiante en Lira. Ás 03:50 h a Lúa en Cuarto Crecente.
  • Día 27: Xúpiter e a Lúa moi próximos.
  • Día 29: En 1919 durante unha eclipse total de Sol, Sir Arthur Eddington confirma a curvatura da luz prevista na Teoría Xeral da Relatividade. Ás 14:21 h Lúa Chea.

Planetas

  • Mercurio na constelación de Piscis poderase observar nos amenceres, cunha magnitude de 0,03.
  • Venus na constelación de Tauro, poderase observar nos solpores, cunha magnitude de -3,38.
  • Marte na constelación de Escorpio observarase tres horas antes do amencer cunha magnitude de -0,53.
  • Xúpiter na constelación de Libra visible case toda a noite, cunha magnitude de -2,05.
  • Saturno na constelación de Escorpio observarase catro horas antes do amencer cunha magnitude de 0,47.
  • Urano na costelación de Aries cunha magnitude de 6,23. Visible con prismáticos pouco antes do amencer.

Cometas

  • Tan só C/2016 M1 (PanSTARRS)con magnitude 9 na constelación de Saxitario pode ser visto cun telescopio pequeno. Os demais pola súa magnitude son dificilmente localizables.

  • Divulga ti tamén!

    RSS
    Facebook
    Facebook
    Twitter
    Instagram