Os antecedentes
Nos últimos 11 anos SGHN advertiu en máis de 35 ocasións á Consellería de Medio Ambiente que a proliferación de granxas industriais na Limia estaba a ter consecuencias negativas sobre a calidade e a cantidade das augas.
Nos últimos 11 anos a Consellería de Medio Ambiente ignorou sistematicamente todas as alegacións de SGHN e outorgou declaracións de impacto ambiental favorables a todos os proxectos de novas granxas industriais (ou ampliacións das existentes) na Limia.
Exercendo o dereito á información
Ao abeiro da lexislación vixente que garante o dereito dos cidadáns á información ambiental (Directiva 2003/4/CE; Ley 27/2006), o 25-10-2019 SGHN solicitou á Dirección Xeral de Saúde Pública (Consellería de Sanidade) as analíticas oficiais da auga dos sistemas municipais de abastecemento dos concellos da chaira da Limia dos últimos 5 anos.
As consecuencias
Os datos dos anos 2015 e 2016 facilitados pola D.X. de Saúde Pública non inclúen o contido en nitratos nas augas. As analíticas realizadas pola D.X. de Saúde Pública en 2017, 2018 e 2019 nas augas subministradas para consumo humano polos sistemas municipais de abastecemento na chaira da Limia amosan:
- Un incremento sostido da concentración media de nitratos (16,8 mg/litro en 2017; 18,0 mg/litro en 2018; 21,5 mg/litro en 2019) no conxunto dos 24 abastecementos analizados.
- Un total de 11 valores que exceden o valor de alerta de 30 mg/litro de nitratos nos abastecementos de:
- Couso da Limia: 2 de 5 datas con análises.
- Piñeira de Arcos: 2 de 3 datas con análises.
- Sandiás: 1 de 5 datas con análises.
- Trasmiras: 1 de 2 datas con análises
- Vilariño das Poldras: 3 de 4 datas con análises.
- Vilar de Lebres: as 2 datas con análises.
- Un total de 9 valores que exceden o límite legal de 50 mg/litro de nitratos nas augas de consumo humano nos abastecementos de:
- Cardeita: 5 de 7 datas con análises.
- Cortegada: 1 de 2 datas con análises.
- Piñeira de Arcos: 1 de 3 datas con análises.
- Sandiás: 1 de 2 datas con análises.
- Vilariño das Poldras: 1 de 4 datas con análises.
Despois de anos ignorando o principio elemental de precaución e facendo caso omiso as advertencias reiteradas de SGHN, o deterioro do recurso auga (en calidade e cantidade) na Limia xa non só é un problema ambiental, tamén o é de saúde pública que as administracións competentes teñen que afrontar.
É as augas dos pozos particulares?
Pero si estes son os datos oficiais das augas para o consumo dos abastecementos municipais, que sucede coas augas dos pozos?… Mentres agardamos que as autoridades competentes locais, autonómicas e estatais aborden dunha vez a raíz do problema, desde SGHN recomendamos a aqueles veciños que consuman auga de pozos particulares que, canto antes, verifiquen si a auga é ou non potable polos niveis de nitratos.
Có obxectivo de documentar a extensión do problema coa maior precisión posible, SGHN agradece o envío das analíticas de pozos particulares coa súa localización exacta e data ao correo electrónico: sghn@sghn.org