‘Bio-mexan’ por nós, pero non imos dicir que chove

As grandes empresas do sector teñen ben clara a connotación negativa para a poboación das fábricas de celulosa. Por iso, na web de ENCE chámanse ‘bio-fábricas” as súas plantas de Pontevedra e Navia. Pola súa banda, ALTRI transmutouse en GREENFIBER (‘fibras verdes’) para camuflar o seu proxecto de celulosa na Ulloa. Tan marabilloso queren pintar este novo proxecto que se pasan de freada e, cun enorme desprezo á intelixencia dos asistentes e do resto dos galegos, nas charlas ‘explicativas’ e nos medios de comunicación afirman con total descaro a rotunda falsidade de que a auga de vertedura estaría mesmo máis limpa que a que captarían do Ulla (máis…).

Seica pensan que a resignación do “mexan por min e teño que dicir que chove”, que debuxou Castelao, vai ser a actitude da cidadanía galega. Pero están moi errados: ALTRI-GREENFIBER pretende ‘bio-mexar’ por nós pero, desde logo, non imos dicir que chove!