“El nenúfar blanco europeo Nymphaea alba ha sido evaluado recientemente para la Lista Roja de Especies Amenazadas de la UICN en 2013. Nymphaea alba figura como Preocupación menor. Esta especie está clasificada como de menor preocupación ya que está muy extendida con poblaciones estables y no enfrenta ninguna amenaza importante. No hay información disponible sobre las tendencias poblacionales de esta especie. Está muy extendido y es abundante en algunas partes de su área de distribución, pero en algunas zonas marginales es escaso.” https://www.iucnredlist.org/es/species/164237/63306122
Traballos previos en 2023
Como lembraredes o ano pasado a SGHN asinou un convenio de colaboración coa asociación Gemosclera có obxectivo de traballar a prol da conservación do nenúfar blanco (Nymphaea alba) en Galicia. No cadro deste convenio abordáronse en 2023 as primeiras accións na Limia para estudar a evolución recente da poboación, mapear a poboación actual, e avaliar in situ o estado actual das masas. Os resultados obtidos deixan claro que:
- Igual que noutros moitos puntos da Península Ibérica, as poboacións de nenúfar blanco na Limia están en regresión e minguando probablemente debido a un cúmulo de factores: perda e transformación de hábitats, predación pola fauna (especialmente especies exóticas) ou mesmo a calidade da auga.
- Nos lugares onde as condicións son favorables, o estado actual das masas de nenúfar é bó con exemplares vigorosos de grandes limbos e cor intensa brillante con peciolos longos que medran desde zonas profundas onde os exemplares están ben asentados nun entorno no que a lámina de auga é moi variable.
E actuacións en 2024
Considerando o franco retroceso da poboación de nenúfar e o vigor das masas localizadas, plantexouse neste ano reforzar a súa poboación nalgún dos predios en custodia do territorio que xestiona a SGHN na zona das areeiras de Sandiás, coa condición inexcusable de poder obter propágulos viables sin comprometer a viabilidade e conservación das poboacións actuais. Con estas premisas elaborouse un detallado e riguroso protocolo de traballo baseado tanto na experiencia do equipo de Gemosclera noutros puntos da xeografía española como nos datos recollidos na Limia durante o ano 2023. Estes datos son decisivos para seleccionar os puntos de control e extracción dos nenúfares nun momento no que as follas aínda non acadan a superficie da auga, e os lugares de implantación.
Recollida de propágulos
O traballo de campo foi o 19/04/2024 e correu a cargo dun pequeno equipo formado por membros de Gemosclera e da SGHN coordinados para axustar todas as tarefas de xeito que transcorrese o menor tempo posible entre a extracción, a selección, a preparación e a plantación dos propágulos.
Durante os labores subacuáticos de recoñecemento dos exemplares para a obtención dos propágulos atopáronse, a diferencia do ano 2023, rizomas mortos recentemente. A presenza destes rizomas mortos é un indicio claro da fraxilidade e delicada saúde das poboacións de nenúfar na Limia, confirma o retroceso da especie e ven a ratificar o interese de reforzar e ampliar a actual poboación en entornos axeitados.
Ao longo da mañá recolléronse propágulos de distintos proxenitores que se identificaron individualmente, xeoreferenciándose cada punto de extracción o que permitirá avaliar a evolución tanto das masas de orixe como dos propágulos durante o ano 2024.
Preparación e plantación dos propágulos
O material recollido e marcado trasladouse ata unha zona cuberta para a súa preparación segundo o protocolo testado por Gemosclera e adaptado a cadansúa poza: a Poza dos Arieiros e a Poza das Conícoras nos que estaba previsto empregar dúas técnicas de plantación: plantación directa e plantación en balde con sustrato arxiloso e cobertura de grava, coa idea de avaliar tanto a idoneidade de cada espacio para acoller os nenúfares como analizar os pros e os contras de cada sistema de plantación empregado.
Dentro de cada poza e tendo en conta diversos criterios ligados tanto a accesibilidade como as características hidrolóxicas elexíronse as zonas de plantación pero resultou que as zonas pre-seleccionadas dende terra non amosaban as mellores condicións baixo a auga. Na “Poza dos arieiros” onde semellaba que se atoparían as mellores condicións para plantación directa, especialmente polo tamaño e orientación da charca e a ausencia de peixes (aínda coa presenza de carangrexo americano), os mergulladores atoparon que o sustrato era puntualmente demasiado compacto e que a densidade e extensión da vexetación acuática dominada por Myriophyllum sp. ía supor un problema para o asentamento inicial dos nenúfares si se plantaban directamente. Así que despois da valoración de distintas zonas da poza decidiuse plantar directamente nunha área con sustrato blando despois da retirada puntual de Myriophyllum e instalar as plantas en recipiente na zona de sustrato menos favorable.
Pola súa banda, na “Poza das conícoras” a situación resultou moito más complexa ao ser unha charca ampla con correntes e efecto do vento, ademáis da presenza de peixes, carangrexos e a morfoloxía das beiras con cambio brusco da profundide; despois de valoración tomouse a decisión de instalar unha planta en balde tendo en conta que as condicións non serán as idóneas. Xunto con esto queda aberta a posibilidade de agardar ó descenso do nivel da auga na poza para identificar outros puntos de interese e facer unha plantación ao final do verán.
Agora non queda máis que agardar resultados, realizar o seguemento dos traballos realizados e dar continuidade ao seguemento das poboacións que aínda perviven na Limia.
Moitas grazas ao equipo de Gemosclera e non toca máis que dar continuidade aos traballos de conservación de Nymphaea alba.