Chegando as datas de nadal, moitos fogares adórnanse con beléns e árbores que simbolizan estas festas. Nembargantes este costume representa algúns abusos como a corta indiscriminada de árbores ou outras especies vexetais para os adornos. Por este motivo, a SGHN desenvolve algunhas actividades encamiñadas a concienciarnos, para que o uso de especies como o acibo, a xilbardeira, os piñeiros e outras non se converta nun abuso.
Durante moitos anos enviamos un escrito ós concellos da provincia de Pontevedra solicitando que desenvolvan varias xestións encaminadas a mellora-la protección de varias especies vexetais, especialmente o ACIBO (Ilex aquifolium) e da XILBARDEIRA (Ruscus aculetus), por se producir nestas datas un abuso de corta destas dúas especies autóctonas.

Acibo (Ilex aquifolium)

Xilbardeira (Ruscus aculeatus)
Tanto o ACIBO como a XILBARDEIRA son prantas coas follas (cladodios no caso da xilbardeira) endurecidas nas puntas e que se manteñen verdes todo o ano e viven en bosques húmidos e sombrios de árbores caducifolias. Presentan froitos bermellos moi “decorativos”, sendo esta a razón pola que se efectua unha venda masiva nas vilas e cidades. Os bosques e fragas nos que viven están reducindo a súa superficie, e se ademáis quitamos as polas cos froitos (as sementes), facilitamos máis que se reduza a súa poboación.
Non é raro que durante o tempo de nadal vaiamos ós montes e atopemos moitos piñeiros derramados polo chan. Por riba dos incendios e do pouco coidado dos nosos montes, algúns desaprensivos, non só cortan unha árbore para leva-la para a casa, senón que cortan varias só para escoller unha despois de cortada, deixando abandoadas o resto.
Cartel empregado nunha das campañas de nadal alusivas á protección do arborado.
O costume de ter unha arbore na casa é curiosa, orixinalmente non se cortaban, senón que se prantaban.
Unhas das lendas sobre este costume contanos que estando San Bonifacio en Alemaña, observou como os lugareños adoraban a un carballo: Para demostrar que non era sagrado, derramou un e ó caer arrastrou a vexetación, pero quedou un abeto en pé. San Bonifacio interpretou isto como unha miragre. Ós anos seguintes os cristiáns celebraban o nadal prantando abetos

Carabus lineatus sobre brión
Tamén a recollida de brión e liques afecta a algúns animais como os insectos, que pasan a invernía nos mantos que forman nos nosos montes.
Na imaxe da esquerda podemos ver a un Carabus lineatus sobre brión. Estas e outras especies poden usar os brións, as codias das árbores ou fendas na madeira para se refuxiar na invernía

Lique. Cladonia floerkeana
Na imaxe dereita temos un lique. A imaxe ampliada permítenos observar como este conxunto de liques semella un bosque, con outras especies vexetais no interior.
A SGHN solicítalle que evite usar brión e liques para construír os beléns. Podemos reciclar materiais semellantes que teñamos nas casas e que nos sirven o mesmo. Se decide mercar unha árbore, coidea e se vostede non pode replantala, solicitelle ó seu concello que xestione a súa plantación nun xardín, ou no monte se se trata dunha árbore do país. GRACIAS.