Commemoración do Día do Medio Ambiente 2018 polas proximidades da cidade de Ourense

Un ano máis Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Asociación de Estudos de Santa Mariña de Augas Santas e Ateneo de Ourense compartimos esforzos na organización dunha estupenda xornada para celebrar o día do Medio Ambiente. Nesta ocasión coñecendo e disfrutando duns espazos bastante cercanos a cidade de Ourense; en concreto o Castro de San Cibrán de Lás, o San Trocado, o río Barbantiño, o castro de Santa Lucía e rematando no encoro de Castrelo de Miño.

Sendo todo de alto interese, a risco de ser un pouco esaxerados temos que decir que o prato forte foi a xornada matutina que polo seu interese e os debates suscitados alargouse un chisco (casi nada, algo máis dunha hora). A visita ao castro de San Cibrán de Lás da mán do noso consocio Francisco Fariña foi unha experiencia inesquecible na que se entremezclaron apuntes das historias das distintas fases das excavacións, comentarios sobre a estructura e organización dos elementos construídos, accesibilidade aos mesmos, achádegos, discusións sobre a tipoloxía das vivendas, etc. E como non, tamén os nosos guías apuntaron o interese de atopar algún outro elemento singular ligado aos castros pero esto xa é ou será outra historia. Entre tanto coñecemento houbo tempo para as anécdotas e outras historias de épocas máis modernas que axudan a comprender a situación e estado actual do castro.

E non queremos entrar en máis detalles nin desvelar os segredos do castro, o que desexe coñocer mellor este espacio senlleiro non ten máis que achegarse a coñecelo da man do persoal do Parque Arqueolóxico de San Cibrán de Lás a quen desexamos mostrar o noso agradecemento pola súa atención e, en especial, ao traballador e guía “J” que estivo con nós boa parte do percorrido e explicounos as características das últimas excavacións; así mesmo facemos extensivo a noso agradecemento ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense na persoa do seu Director polas facilidades para a visita.

Desde San Cibrán de Lás divisamos o noso seguinte obxectivo o monte de San Trocado onde se ubicaba outro castro e onde hoxe atópase unha capela adicada a este santo que, según a tradición xacobea foi un dos nove discípulos do apóstolo Santiago como nos contan os nosos compañeiros despois do xantar e mentras disfrutamos das volvoretas que non deixan de voar arredor de nós e no entorno da capela. Dende este punto (550 m snm) disfrútanse unhas magníficas vistas sobre o río Miño e intúese o curso do río Barbantiño seguinte parada da nosa viaxe.

Xa en Punxin ao carón do río Barbantiño situámonos no inicio da ruta coñecida como “Camiño Natural do Barbantiño” que, despois de cruzar unhas poldras, segue augas arriba ata chegar á ponte medieval de San Fiz, pasando pola fervenza do Viñao e por varios muiños de auga restaurados. Os dentabrús (Osmunda regalis) cubren amplamente as beiras do río e sobre elas voan algúns exemplares de libeliñas (Calopterix virgo) entre as luces e sombras dos amieiros e freixos que forman o estrato arbóreo mentras se fala da fauna indicadora da boa calidade das augas e faise notar o grande número de amieiros (Alnus glutinosa) secos a causa do fungo Phytopthora alni e máis aínda o efecto dos desbroces baixo as liñas eléctricas.

No mesmo lugar e ao pé dunha surxencia termal hai ocasión para aprender algo máis sobre o termalismo e sobre as curisosidades da bioloxía da man dos nosos consocios José Ramon Seara e Juan Ares. Sen dúbida o “Camiño Natural do Barbantiño” é un paseo agradable e moi preto da cidade de Ourense que ben pode ser obxecto doutra xornada.

E desde o Barbantiño cruzamos o río Miño para chegar ao castro de Santa Lucía xa no concello de Castrelo de Miño. O camiño ata o castro comenza cunha costiña, pola cal e para axudar a superala, imos facendo breves paradas acá e acolá coñecendo algo máis de algúns elementos singulares da nosa flora ourensana: Osyris alba, Silene spp., Orobranche spp., Arbutus unedo, Laurus nobilis, Ruscus aculeatus, etc, un lugar cun importante gradiente climático mediterráneo; e, como non, todo aderezado con pinceladas da nosa xeoloxía aproveitando as pedras do lugar.

Cruzado o foxo do castro (que semella ter sido unha zona de extracción de mineral) o camiño sigue bordeado de árbores ata chegar a zona máis alta onde sorprenden e destacan uns enormes e espectaculares bolos graníticos e un espacio amplo bordeado por un muro e hoxe cuberto pola vexetación herbácea e fentos moi medrados que dificultan a localización dos restos dunha capela e do seu adro con culto ata hai poucos anos. Os penedos dan cobixo aos elementos do castro recentemente excavados. unha vivenda, xunto con varios utensilios elementos aos que se engadirán novos descubrimentos na campaña de excavación que vai iniciarse en breve. Pero aínda queda unha sorpresa e o máis singular do castro: un lagar rupestre xunto coa súa pesa que se considera o máis antigo dos atopados na provincia, sendo un punto especial e moi acolledor queda tempo de escoitar as diversas explicacións sobre o lugar e as respostas dos expertos ás preguntas dos participanes. O que queda ben claro é que, como en moitos outros lugares, aínda hai moito traballo por diante para os arqueólogos e moito por descubrir para ir descifrando pouco a pouco a forma de vida dos castrexos e dos detalles da acomodación a civilización romana.

Así cada quen cós seus pensamentos afrontamos a última etapa da xornada en Castrelo rematando nas instalacións do club náutico e deixando a visita a igrexa de Castrelo de Miño para unha vindeira ocasión. O encoro de Castrelo de Miño é un dos 20 puntos onde a SGHN ven realizando anualmente os censos de aves acuáticas invernantes, e cós datos recollidos desde 1985 a 2018, o delegado da SGHN tivo ocasión de deixar unhas notas da evolución das especies e os detalles máis chamativos; por exemplo: a relación da presenza de unha enorme poboación de gaivotas ligadas ao vertedorio de Ourense e como diminiu o seu número a bastante menos da metade unha vez clausurado o vertedoiro, ou a expansión de corvos mariños en Castrelo de Miño e na provincia de Ourense ou a situación crítica para algunhas especies en especial os patos buceadores, o mergullón ou as fochas.

Evolución das gaivotas invernantes no encoro de Castrelo.

Evolución dos corvos mariños invernantes en Castrelo e a provincia.

En resumo, de novo un día magnífico no cal disfrutamos de novos lugares, profundizamos nos coñecidos e puidemos aproveitar os coñecementos dos expertos que nos acompañaron e aos que agradecemos moi especialmente o seu traballo.

E pronto virán máis xornadas …