Comunicado de SGHN sobre a dramática vaga de lumes en Galicia

Aínda que SGHN non é partidaria das manifestacións en quente e mesmo podemos dubidar de se é o mellor momento, desde SGHN apoiamos as concentracións convocadas en diversas cidades e vilas polo Comité de Defensa do Monte Galego entendendo que diante deste problema debemos estar todos xuntos, incluíndo aos nosos representantes. Aínda que é posible que a mensaxe e o comunicado que se lea nestes actos non sexa totalmente coincidente có que SGHN ten manifestado nos últimos 36 anos, consideramos que a nosa presencia é importante como apoio a esa voz que debe de chegar a quen ten responsabilidades para abordar xa dunha vez este problema dun xeito novo. A postura e pensamento de SGHN sobre os lumes lévase reiterando desde o ano 1981 e, resumidamente, é a que segue:

  • De sempre, máis do 90% dos incendios forestais en Galicia son provocados, causados pola man de homes e mulleres de Galicia e por moi diversos motivos.
  • Non é un problema de cór política, na eliminación desta lacra téñense que implicar todos os partidos políticos a unha, e todas as Consellerías do Goberno correspondente, e por suposto toda a cidadanía de Galicia.

E a continuación unha escolma do que SGHN ven reiterando desde hai 36 anos, e que lamentablemente segue a estar vixente e de candente actualidade:

  • “Os lumes non teñen unha única causa (e moito menos a do “terrorismo” ou a dos “enemigos de Galicia”) senón moitas, orixinadas na mesma poboación galega, tanto do campo coma da cidade” (1983).
  • “A sorprendente pasividade coa que a sociedade galega contempla este fenómeno, tan só pode deberse a ignorancia do que realmente está a suceder e das súas consecuencias previsibles” (1985).
  • Ao longo dos anos resulta evidente que as “solucións” postas en práctica foron inútiles e séguese a facer exclusivamente o mesmo de sempre, incrementar orzamentos en extinción para, conter a hemorraxia – con maior ou menor éxito segundo a climatoloxía – máis non cauterizar definitivamente a ferida. Dende SGHN solicitamos un cambio urxente nos modos de actuación buscando novos camiños e aplicación doutros métodos que poidan acadar resultados positivos.
  • S.G.H.N. considera que para avanzar no tratamento da problemática incendiaria precísanse, entre outras, as seguintes actuacións (1990, 2006, 2011, 2012, ….):
    • Recoñecer a exclusiva autoría dos galegos na traxedia, única explicación ata a data baseada en feitos probados.
    • Divulgar toda a información oficial sobre número de incendios, autoría e superficies queimadas, por ano e concello, para que a cidadanía coñeza a magnitude do problema.
    • Ordenar racionalmente o territorio e evitar as intervencións ambientalmente «duras» e ineficaces: o problema non se resolverá eliminando o mato, ou abrindo pistas e cortalumes, pois xa é difícil, senón imposible, atopar un só kilómetro cuadrado de Galicia sen unha ou varias pistas, estradas ou cortalumes.
  •  Tamén é preciso aprender da historia: «Sempre que o propietario non teña interese en que haxa árbores na súa facenda, non bastará toda a vixilancia do Goberno para vixilalo» (Barba y Roca, 1789). Hai que aprender a lección e investir máis en sensibilización ambiental e prevención social que en extinción, para desmontar a «economía do lume» creada ó longo dos últimos 27 anos en torno á extinción dos incendios en Galicia.

Como indicaba SGHN hai apenas 10 días noutro comunicado de prensa “Levamos uns días de outubro cos lumes absolutamente desbocados no noso rural, abandonado polos nosos gobernantes, o máis avellentado e queimado de Europa”. Dende dito comunicado os danos ambientais non deixaron de crecer e, desgraciadamente, catro víctimas mortais engrosaron a lista de falecidos por causa dos lumes en Galicia (unha trintena nos últimos coarenta anos).

Din que unha imaxe vale máis que mil palabras, velaquí dúas imaxes coas que tentamos abrir os ollos da cidadanía e dos gobernantes actuais e futuros. De toda a Europa Atlántica, Galicia e o centro-norte de Portugal son as únicas rexións nas que os lumes forestais son un grave problema ambiental; son tamén as únicas rexións que están a sufrir unha gravísima crise demográfica. Casualidade ou causalidade?

Qué resultado obteríamos se, en lugar de en extinción, investisemos cada ano máis de 170 millóns de euros, en prevención, sensibilización e no DESENVOLVEMENTO SOCIAL E AMBIENTALMENTE SOSTIBLE DO MEDIO RURAL?

Evolución anual de poboación por “unidades administrativas locais” no periodo 2001-11 en Europa, segundo datos recompilados polo “Bundesinstitut für Bau-, Stadt- und Raumforschung” alemán, dispoñibles en http://www.bbsr.bund.de. A escala vai dende -2% anual ou menos (azul escuro) ata +2% anual ou máis (vermello escuro).

Superficie queimada por cuadrícula de 25×25 km no periodo 2002-12, segundo datos recompilados polo “European Forest Fire Information System”, publicado en: Borrelli P, Panagos P, Langhammer J, Apostol B, Schütt B (2016) Assessment of the cover changes and the soil loss potential in European forestland: First approach to derive indicators to capture the ecological impacts on soil-related forest ecosystems. Ecological Indicators 60:1208-1220 (http://www.sciencedirect.com/science/article/pii/S1470160X1500494X)