“Estado da natureza” en Galicia: 1. Superficie e xestión dos espazos protexidos

Dende a súa fundación como Grupo Ornitolóxico Galego hai xa 44 anos e a súa transformación en Sociedade Galega de Historia Natural 4 anos despois, SGHN mantén unha actividade ininterrumpida a prol do estudio, divulgación e conservación do patrimonio natural galego. Con esta longa experiencia, e conforme aos obxectivos e metas para 2020 establecidos pola Estratexia de Biodiversidade da Unión Europea, faise a presente análise do “Estado da natureza” en Galicia”, que se estrutura en tres capítulos:

  1. Espazos protexidos: superficie, xestión e apoio ás comunidades locais.
  2. Espazos protexidos: Uso público.
  3. Biodiversidade: especies ameazadas e especies invasoras.
1.1. Superficie de áreas protexidas

Galicia segue a ocupar o vagón de cola a nivel do Estado Español e da Unión Europea en relación coa superficie designada como área natural protexida: tan só un 11,2 % da superficie continental, cifra moi afastada do valor de referencia do 18,0 % establecido no Convenio da Diversidade Biolóxica (Metas de Aichi), máxime ao comprobar a exigua protección ambiental que posúen as augas mariñas de competencia autonómica. En 2004 a Unión Europea considerou que a proposta de Rede Natura 2000 no territorio galego era deficiente, indicando a necesidade de mellorar a representación dentro da Rede de determinados tipos de hábitats de interese comunitario. Seguindo este mandato a Xunta elaborou unha mínima proposta de ampliación, sometida a información pública hai xa 5 anos (DOG 02/01/2012) e “conxelada” dende entón sen ningún tipo de xustificación legal ou técnica. A falta dunha protección cautelar sobre estas áreas e a incapacidade dos responsables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para promover un uso racional do territorio, posibilitou que en numerosos enclaves propostos para a ampliación da Rede Natura se destruísen ou alterasen importantes superficies de hábitats prioritarios, sen que o goberno autonómico adoptase ningunha medida para evitalo.

1.2. Órganos de xestión

Nos últimos catro anos a estruturación dos servizos de conservación da natureza sufriu importantes cambios. A crise económica empregouse como escusa para reducir ou suprimir prazas de técnicos ambientais, mentres se conxelaban as prazas de gardas, axentes e persoal de apoio. Os recortes levaron a eliminar a figura de Director de Parque Natural, polo que Galicia é a única Comunidade Autónoma onde a xestión ordinaria destes espazos naturais non recae sobre un director/a conservador/a. A extinción da figura de director de Parque Natural colócanos ao nivel de países subdesenvolvidos no que respecta á xestión das áreas protexidas.

Pola súa banda, a Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón carece de xestor para a parte galega, circunstancia moi infrecuente nas Reservas da Biosfera españolas. A falta de xestores específicos para os principais espazos naturais redunda moi negativamente na súa conservación e na visión que a poboación local ten dos mesmos.

1.3. Apoio ás comunidades locais

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural carece dun proxecto crible para o apoio e fomento de actividades sustentables por parte das comunidades locais no ámbito dos espazos naturais. A única orde de axudas existentes malgástase frecuentemente na execución de proxectos que teñen un efecto negativo sobre os compoñentes da biodiversidade e do patrimonio natural.

Galicia, a diferenza doutras Comunidades Autónomas e doutros territorios europeos, carece dunha normativa para o establecemento de marcas de calidade para os produtos e servizos que provén ás comunidades locais dos espazos naturais. Marcas de calidades e apoio institucional á comercialización de determinados produtos e servizos que terían un efecto positivo sobre o territorio e axudarían ademais a integrar a política de espazos naturais na sociedade.