Conciliar a conservación do lobo e da gandería extensiva

Como superpredador, o lobo é unha peza chave en todos os ecosistemas nos que está presente e, como tal, é unha xoia da nosa biodiversidade e unha parte irrenunciable do noso patrimonio natural (tamén do emocional).

Extinguidos os grandes herbívoros silvestres na meirande parte de Europa, o seu papel nos ecosistemas humanizados foi en parte substituído polos herbívoros domésticos. En consecuencia, a gandería extensiva -cando é sustentable- converteuse nunha peza chave en moitos ecosistemas. Ademais, constitúe un recurso económico imprescindible para os habitantes do rural e un importante subministro de alimentos de calidade.

Como dous superpredadores que ocupan un mesmo territorio e compiten por parte do alimento, o conflito entre humanos e lobos persiste dende a noite dos tempos. Pero estamos no século XXI e temos coñecementos e capacidades para comprender a importancia do lobo e conciliar a súa conservación coa gandería extensiva. Nesa conciliación, a caza “deportiva” ou para “reducir danos” na cabana gandeira non ten cabida. Hai séculos que os humanos sabemos que non somos o centro do universo. Vai sendo hora de que os cazadores asuman que non son o centro dos ecosistemas nin a solución dos problemas coa fauna: a desestruturación dunha manda de lobos ao matar algún(s) dos seus compoñentes a miúdo aumenta os ataques ao gando por lobos solitarios ou grupos decimados, para os que son presa máis fácil.

Os danos económicos que causan os lobos poden ser de verdade insoportables para os gandeiros que os sofren, pero son absolutamente ridículos se os repartimos entre todos os galegos (24 céntimos/persoa/ano nos orzamentados de 2021) e aínda máis se tamén contribúen, como é lóxico e posible, o resto dos españois e europeos. Sería o mesmo que facemos coa catedral de Santiago, a muralla de Lugo, a Ponte Vella de Ourense e os petróglifos de Campo Lameiro: o noso patrimonio cultural conservámolo entre todos. O noso patrimonio natural, lobo incluído, temos que conservalo entre todos.

En 2006, SGHN solicitou á Xunta que se priorizasen “todas as accións para garantir a conservación da especie, comezando por diminuír a conflitividade social, con axilización da valoración e pago de danos, e campañas de difusión/sensibilización”. Subvencións a fondo perdido de medidas eficaces para reducir os ataques e, cando se producen, pagos rápidos e xustos dos danos e trastornos ocasionados aos gandeiros. Ese é o camiño a seguir.

Artigo de opinión do Presidente de SGHN en La Voz de Galicia do 20-02-2021.