O pasado venres 26 de febreiro rematou o prazo da consulta do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico sobre a inclusión de todas as poboacións de lobo (Canis lupus) no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESPRE). SGHN participou na consulta amosando a súa opinión favorable a incluir todas as poboacións españolas de Canis lupus no LESPRE polos seguintes motivos:
- O lobo é unha especie clave nos ecosistemas, que favorece a biodiversidade producindo un efecto positivo de cascada trófica.
- A inclusión do lobo no LESPRE daría cumprimento á normativa legal e aos convenios internacionais sobre conservación da biodiversidade (Lei 42/2007, Directiva Hábitats, Convenio de Berna, CITES).
- Segundo os criterios da UICN, a poboación ibérica de lobos atópase na categoría de “Case ameazado”, próximo á categoría de “Vulnerable”, pola fragmentación en réximes de manexo, a falta dun plan de manexo poboacional, a caza autorizada ou furtiva, os atropelos e o veleno, que están a provocar unha mortalidade anual que podería estar próxima á taxa de reclutamento, impedindo a súa dispersión natural.
- É necesaria unha protección estrita de todas as poboacións de lobos da Península Ibérica, como xa están as existentes ao sur do Duero e en Portugal.
- Alinéase cos obxectivos de desenvolvemento sostible da axenda 2030 das Nacións Unidas, relativos á protección dos ecosistemas e a frear a perda de biodiversidade, así como ao fomento do crecemento económico sostible, xerando oportunidades de emprego nas zonas rurales con presenza do lobo.
- Os controis letais sobre o lobo por parte das administracións restan valor á especie diante da sociedade, dan unha sensación de maior impunidade a quen vulnera a prohibición de matalo e aumentan as mortes por furtivismo. Ademais os controis letais sobre o lobo non reducen os danos á gandería (mesmo os incrementan) debido á desestruturación das manadas en relación ao seu comportamento social.

Dirección Xeral contra o Patrimonio Natural
Por outra banda, SGHN amosa a súa repulsa pola actitude da Consellería de Medio Ambiente, e concretamente da Dirección Xeral de Patrimonio Natural por:
- Non ter sometido o texto das súas alegacións contrarias á inclusión do lobo no LESPRE á consulta do Observatorio Galego da Biodiversidade (*).
- Alentar a todos os concellos de Galicia para que suscribiran as súas alegacións, incluso enviándolles o modelo a presentar.
(*) O Observatorio Galego da Biodiversidade é un organo consultivo constituido por cargos da administración autonómica, expertos das universidades galegas e representantes das asociacións de defensa ambiental.
