Encontro no MHNF: Debate e presentación do libro “Un mar de Preguntas”

O vindeiro venres 13 ás 19:30 h, teremos a oportunidade de gozar no auditorio do Museo https://sghn.org/sghn/museo/ deste interesante encontro entre biólogos mariños!

Neste acto organizado polo Museo de Historia Natural da SGHN e polo Festival Mar de Mares, os biólogos mariños Javier García Galdo e Joám Luis “Cesio” Ferreiro Caramés, ambos da SGHN, abrirán un interesante debate sobre o medio mariño, centrándose na súa situación e a de certas especies.

No mesmo encontro haberá tamén oportunidade de coñecer o libro “Un mar de preguntas“, de Javier García Galdo, publicado pola Editorial Galaxia.

Javier García Galdo (Ferrol, 1973) é biólogo mariño pola USC e un apaixonado divulgador. Conta cunha experiencia de máis de 25 anos traballando pola pesca e o marisqueo sostibles, desempeñando labores de docente, asesorando na xestión pesqueira e como mergullador, auditor, e consultor pesqueiro, xestor de proxectos e comunicador en producións audiovisuais e iniciativas de sensibilización sobre o mar. Ao ter traballado para a Administración no sector pesqueiro e ao mesmo tempo na empresa privada e colaborar con diferentes ONG’s, obtivo unha ampla visión dos retos e desafíos da ligazón Home-Mar. García Galdo é recoñecido por moitos de nós pola súa colaboración no programa de radio sobre o mar de Galicia “Mar de Ardora”, onde daba resposta ás preguntas sobre o mar, levándolle posteriormente a escribir sobre este coa intención de darlle forma a esas cuestións e publicalas no seu libro “Un mar de Preguntas”.

Joám Luis “Cesio” Ferreiro Caramés (Ferrol, 1962) é tamén biólogo mariño pola USC e foi delegado da SGHN en Ferrol.  Ao igual que o seu colega Javier, Cesio conta cunha ampla experiencia no eido mariño como profesional, pois durante bastantes anos foi biólogo da cofraría de Pescadores e Mariscadores de Barallobre, e levou a cabo diversas campañas como observador en barcos de pesca para o Instituto Español de Oceanografía (IEO).

A asistencia non require inscrición previa e a entrada é libre ata completar o aforo.

  • Divulga ti tamén!