
Entre as actividades previstas dende a delegación de Ferrol, temos o gusto de anunciar esta conferencia que ofreceremos no salón de actos do Museo de Historia Natural o vindeiro venres 2 de xuño ás 19:30 e que impartirá o catedrático Augusto Pérez Alberti co título “O MAR CÓMESE A COSTA GALEGA NUN ESCENARIO DE CAMBIO GLOBAL”.
Nesta actividade, que conta co patrocinio da Deputación da Coruña, Pérez Alberti dará a coñecer os factores presentes na costa galega ao longo da historia xeomorfolóxica nos últimos milenios dende o último interglaciar, o Eemiense, hai arredor duns 120.000 anos ata o presente. Esta é unha etapa de miles de anos na que se sucederon momentos máis quentes e fríos que o actual, e nos que os diferentes procesos xeomorfolóxicos deixaron a súa pegada, tanto en formas como en depósitos sedimentarios, asociados a un progresivo aumento do nivel do mar.
Coa necesidade de coñecer a dinámica litoral antes da posta en marcha de calquera actuación, na conferencia abordarase a evolución paleoclimática e xeomorfolóxica da costa, os seus balances de acumulación e erosión, a problemática dunha progresiva transformación da rede fluvial e a urbanización do litoral sen ter en conta a súa dinámica e os procesos de erosión dende a perspectiva dun futuro marcado polo cambio global.
O catedrático de Xeografía Física e investigador Augusto Pérez Alberti, atópase vencellado neste momento ao Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, onde prepara a súa segunda tese de doutoramento.
Dende a delegación de Ferrol da SGHN lembramos que a asistencia á conferencia é libre ata completar o aforo.
É unha actividade organizada pola SGHN-Ferrol subvencionada pola Deputación da Coruña.