50 aniversario GOG-SGHN por Enciña da Lastra
Seica un tal Don Rufino tivo bastante que ver na historia da declaración do Parque Natural da Serra de Enciña da Lastra… A ameaza de instalación da canteira de caliza “Don Rufino” na Pena Falcoeira foi o detonante para que desde a SGHN se iniciase unha campaña a prol da declaración dun grande espazo protexido sendo conscientes de que: “Se non podemos protexer esta zona con sobranceiros valores non imos ser quen de protexer nada en Galicia”.
Con esta convicción e despois de meses de traballos preparatorios e xestións diversas, o 16 de maio de 1997, a SGHN solicitou a declaración dun Parque Natural singular de 88.732 hectáreas, abarcando a Serra de Enciña da Lastra, os Montes de Oulego, as Serras do Courel, Cereixidos e os Cabalos pertencentes a tres provincias (Ourense, Lugo e León) e dúas comunidades autónomas (Galicia e Castela León). O resultado da campaña, na que se acadou o apoio de máis de medio cento de investigadores e profesores universitarios de toda España, foi a protección provisional no ano 1998 da parte galega da Serra de Enciña da Lastra e os Montes de Oulego. En 2002 publicouse o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais da Serra de A Enciña da Lastra (Decreto 77/2002) có que se protexen 3.151,67 hectáreas incluidas íntegramente no termo municipal de Rubiá (Ourense).
Así foi a grandes rasgos, e obviando algúns detalles e matices que quedan para o ámbito privado, como se conseguiu a protección deste espacio. Sobra decir que non fai falla ser un experto para intuir a súa singularidade: xeolóxica, biolóxica e paisaxística.
Coñecendo o Centro de Visitantes en Biobra
En Biobra, ao carón do Centro de Visitantes e con este relatorio do Presidente da SGHN, iniciouse a visita a este que ben podemos considerar o “noso” Parque Natural. A visita ao Centro de Visitantes é sempre recomendable para as persoas que se acheguen por primeira vez ao Parque e que desexen coñecer máis a fondo o espazo. A duración da visita pode ser curta ou longa, a nosa non foi nin unha cousa nin a outra. Alí estivemos sin presas departindo có personal e compartindo información, anécdotas e opinións sobre o parque e sobre outros variados temas ambientais e mesmo sorprendéndonos ao descubrir unha escea de loita biolóxica: a predación das larvas de xoaniñas sobre os pulgóns das plantas na entrada do Centro. Aproveitamos a ocasión para expresar o agradecemento do grupo a Miriam e Goyo pola súa atención e por compartir connosco os seus coñecementos e inquedanzas.
Deseguido, outro clásico, un paseo por Biobra con varios puntos de interese: o pombar, a tipoloxía das casas e os seus detalles construtivos, … as anduriñas que alí crían, … as fontes e lavadoiro no que viven un grupo de limpafontes común e algún limpafontes verde entre as algas. Esceas que xa non son doadas de atopar en moitos pobos por un exceso de celo na limpeza e desinfección deste puntos que hoxendía son case imprescindibles para a conservación dos anfibios e deberan manterse nas condicións axeitadas para a conservación destas especies protexidas.
Coñecendo a aciñeira que da nome ao Parque
Non sería difícil completar a xornada no entorno de Biobra pero non se poden deixar de visitar outros puntos do Parque, especialmente a aciñeira de Covas que lle da nome. Trátase dun exemplar espectacular de grandes dimensións, incluído no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras cunha idade estimada de 500 anos que está asentado sobre unha lastra que a árbore engulle pouco a pouco.
Un “punto quente” de biodiversidade
O entorno da aciñeira é un lugar idóneo para profundizar no coñecemento dalgunhas especies vexetais mediterráneas incluíndo a súa relación coas bolboretas como ben nos explica o Coordinador da Sección de Entomoloxía. Alí estaban as eirugas de Libythea celtis alimentándose nas follas de Celtis australis, voaba un exemplar de Zerynthia rumina e alí estaba a súa planta nutrícea a Aristolochia paucinervis. Tamén observamos o Rhamnus alaternus planta nutrícea de Gonepteryx cleopatra. O Coordinador da Sección de Entomoloxía sinala que o estudo desenvolvido no Parque durante un ano e publicado no número 19 da revista Braña ven concluir que o Parque Natural Serra de Enciña da Lastra e un “hotspot” local (“punto quente” de biodiversidade) con 108 especies de bolboretas diurnas o que converte este pequeno recuncho nu dos mellores lugares de Galicia para observar e conservar estes e outros insectos.
Pola zona voaban outras especies de bolboretas como Iphiclides feisthamelii, Papilio machaon, Lysandra bellargus, Anthocharis euphenoides, … e, xunto elas outros insectos singulares como Libelloides baeticus.
E … ónde están as orquídeas?
Pois algunha habería que ver, aínda que moitas xa están pasadas porque a seca e o calor dos días anteriores non son o mellor para estas especies delicadas e ao mesmo esixentes en condicións ambientais. E chegaron as primeiras especies, unha moi pasada Orchis italica, unha preciosa Epipactis e varias Orchis do grupo mascula frutificando na zona do xantar.
Os danos do lume de 2022
Pola tarde tocaba achegarse á zona de O Castelo para disfrutar das vistas dos Penedos de Oulego, e falar algo de xeoloxía. Os Penedos de Oulego son uns imponentes farrallóns de caliza e dolomía, que se orixinaron a partir de arrecifes coralinos fai máis de 400 millóns de anos. No Castelo observamos de preto o efecto dos lumes forestais, neste caso un lume natural causado pola tormenta seca de xullo de 2022 que afectou a máis de 20.000 ha e levou por diante varias casas e a igrexa da Nosa Señora da Asunción.
Máis orquídeas…
Avanzando a tarde, xa na zona de Vilardesilva tocaba, especialmente, buscar e disfrutar dalgunhas orquídeas no bordo da estrada, podemos dicir a pé de coche: algunha retrasada Ophrys, algunhas Orchis grupo mascula, e a espectacular Orchis purpurea das que quedan algúns exemplares. Sempre pendentes doutras especies, neste caso destacamos a localización dun exemplar de Hemaris, unha das volvoretas esfinxe abellón.
O Mirador de Vilardesilva, coas impresionantes vistas á Penarrubia, foi o lugar elexido para ir dando fin a xornada que rematou na cantina de Vilardesilva aproveitando ó único establecemento hosteleiro que queda dentro do Parque e colaborando ao seu mantemento. De regreso aos coches có canto continuado do reiseñor chegou a última orquídea da xornada: Anacamptis piramidalis.
Pasada a chuvieira da primeira hora, que deixou todo brillante e fresco para nós, o día estivo moi agradable, e … xa non queda nada máis que dar as grazas a todos os participantes e persoas que fixeron posible unha fantástica xornada coñecendo algo mellor o “noso” Parque Natural. Moitas grazas.
Nota: Para manipulación de fauna silvestre é preciso contar con permiso administrativo.