Organizada pola SGHN Ferrol dentro do ciclo “Xuntanzas naturalistas” e impartida pola especialista Rocío Lozano Miranda o venres 10 de maio ás 19:30 horas no auditorio da entidade.
Co título “A conduta sustentable: unha visión dende a psicoloxía ambiental“, a delegación de Ferrol da SGHN ofrecerá unha conferencia sobre as condutas que son responsables co medio ambiente e para comprender a súa natureza e poder potencializar a súa presenza na sociedade, é preciso realizar estudos que permitan entender o que motiva a xeneración de ditas condutas. Nesta conferencia, a especialista falará da conduta sustentable dende a psicoloxía ambiental, rama da psicoloxía que pon énfase no estudo destes comportamentos proambientais.
A especialista, Rocío Lozano Miranda, é Licenciada en Psicoloxía pola Universidad de Granada, cun Máster en Neurociencia pola Universidade de Santiago de Compostela e un Máster en Psicoloxía Xeral Sanitaria pola Universidad de Murcia. Especializada en Psicoloxía da Educación, salienta a Educación Ambiental como ferramenta para un cambio social. Actualmente é Secretaria da Fundación Naiterra e colaboradora na Asociación Amabul, ambas entidades orientadas á Educación Ambiental e á protección da biodiversidade da comarca do Ulla.