Polos arredores de Ourense
O sábado 11/05/2024, despois dunha noite de treboadas e choivas intensas, xuntámonos para celebrar o Día das aves migratorias camiñando entre Mende e o castro de Santomé en Ourense. O día amence cunha néboa lixeira e temperatura agradable que convida a desfrutar do paseo previsto.
Pouco a pouco incorpóranse os participantes mentres se escoitan xa algunhas das especies máis habituais de espáceos con arboredo: estreliña riscada, gabeador común ou ferreiriño real.
Deixando atrás as últimas casas e o asfalto, tómase o camiño tradicional, empedrado e flanqueado por potentes muros de pedra, que ascende entre o que antano foron terras de labor e hoxe están cubertas por mato e arboredo xunto coas inevitables mimosas e máis algún que outro piñeiro do país. Nesas masas vexetais densas móvense fugazmente algunhas familias de ferreiriños, os paporroibos e as esquivas papuxas. Mentres empeza a levantar a néboa quedando un ceo despexado onde voan os primeiros cirrios; tan só dous ou tres exemplares, realmente semella un número moi reducido destas aves posto que o normal neste punto periférico da cidade é ver grandes grupos de entre 50 e 100 exemplares.
Chegando a Santomé os espazos son más amplos ao mesturándose xardíns con fincas cultivadas ou rozadas con froiteiras espalladas o que favorece a diversidade de aves e facilita a súa observación, pero non había moito ambiente e a especie máis abondosa foi o pardao … por certo, a dicir dalgúns dos presentes hai que miralos todos xa que entre os pardaos comúns ás veces pode aparecer outros pardaos.
No castro de San Tomé
Pasado o pobo alcanzase o castro de San Tomé situado nun punto estratéxico con vistas á cidade de Ourense e ao río Loña que discorre encaixado no fondo do val. Nas últimas intervencións arqueolóxicas do castro consolidáronse distintas estruturas e instaláronse paneis interpretativos nos que as imaxes virtuais axudan a comparar os elementos escavados coa súa reconstrución infográfica e facerse unha idea da fisionomía do lugar. Máis información sobre o castro de Santomé na web do Museo Arqueolóxico de Ourense: https://musarqourense.xunta.gal/es/difusion/yacimientos/santome
“Protexe os insectos, protexe as aves”
Coa subida das temperaturas chega a hora de comentar o lema do día das aves migratorias para este ano: “Protexe os insectos, protexe as aves” que pon o énfases na importancia dos insectos como alimento esencial para as aves migratorias durante as escalas ao longo das rutas migratorias. Tendo en conta que está constatado o declive das poboacións de insectos, semella claro que haberá unha incidencia nas poboacións de aves, por iso o lema deste ano trata de invitar ás persoas a buscar estratexias sinxelas pero eficaces á hora de protexer ós insectos e ás aves, por exemplo: limitar o uso de insecticidas, valorar os produtos que se compran, fomentar a presenza de arboredo, empregar especies autóctonas ou procurar a implantación dunha xestión dos espazos verdes menos intervencionista.
Entretidos na observación dos insectos case se esquece a observación das aves que, precisamente neste punto, están a dar un espectáculo pois dous Corvos pequenos acosan a dous Corvos grandes que se manteñen na contorna refuxiándose nunha árbore e achegándose aos penedos próximos.
No itinerario polo espazo do castro entre as áreas escavadas conservase parte da vexetación natural de carácter mediterráneo destacando os distintos carballos e os seus híbridos, as aciñeiras ou as sobreiras. Ademais, doutras dúas especies moi destacadas en relación coa presencia de cadansúa bolboreta: o érbedo (Arbutus unedo) planta nutrícea de Charaxes jasius e o lidueiro (Celtis australis) planta nutrícea de Libythea celtis.
Alcanzada á croa do castro non queda máis que ir voltando cara a Mende para finalizar a actividade cun paseiño pola beira do río Loña e coa consigna de celebrar o día das aves migratorias tamén no outono.
Moitas grazas a todos os participantes e xa sabedes hai que procurar: “Protexer os insectos, protexe as aves”.