O proxecto de Edgewater Exploration Ltd
SGHN ven de respostar á solicitude de información da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental sobre a Decisión de Avaliación de Impacto Ambiental do proxecto concesións de explotación “Emilita” nº 1221, “Ciudad de Landró” nº 1454 e “Ciudad del Masma” nº 1445, que forman o coñecido como “Grupo mineiro de Corcoesto” (concellos de Cabana, Coristanco e Ponteceso; A Coruña) promovido por Río Narcea Gold Mines, SL, hoxe propiedade da compañía canadiana Edgewater Exploration Ltd, que pretende explotar o xacemento de ouro de Corcoesto:
- Nunha superficie de 773,6 hectáreas mediante minería a ceo aberto e, en menor medida, galerías subterráneas.
- Durante 10-20 anos, cunha produción duns 20 millóns de metros cúbicos de estériles de mina, parte dos cales intentarán aproveitalos como áridos para a súa venda.
- Empregando unha solución fortemente alcalina e corrosiva (pH 10,5) de cianuro sódico para separar o ouro das rochas extraidas e trituradas, sexa mediante lixiviación dinámica en tanques axitados ou mediante lixiviación en pilas. De empregarse esta última estarían a ceo aberto tres instalación contendo dito produto químico extremadamente tóxico para o home e a fauna: a pila de rochas trituradas e as dúas balsas mineiras (a de solución con ouro e a de solución estéril).
Alegacións de SGHN
Á vista da información recibida, SGHN solicitou á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas, un Estudio de Impacto Ambiental (EIA) que avalíe con detalle e rigor todas as posibles afeccións:
Hábitats e recursos pesqueiros e marisqueiros
- Hábitats de conservación prioritaria na UE (DC 92/43/CEE) e, consecuentemente, adapte o proxecto para evitalos totalmente pois non existen razóns imperiosas de interese público de primeiro orden (artigo 6 da DC 92/45/CEE, artigo 45 da Lei estatal 42/2007) para que sexan afectados por un proxecto de explotación mineira de ouro.
- Hábitats de interese comunitario (DC 92/43/CEE) e estudie alternativas para minimizalos canto sexa técnica e ambientalmente posible.
- Os Lugares de Interese Comunitario existentes na zona (LIC ES1110015 Río Anllóns) e as súas inmediacións (LIC ES1110005 Costa da Morte; ZEPA ES0000176 Costa da Morte) (véxase Lista actualizada LICs).
- Os recursos pesqueiros e marisqueiros no río Anllóns e o seu esteiro.
Especies protexidas
O EIA debería contemplar os efetos sobre TODAS as especies incluidas no anexo I da Directiva Aves, na Directiva 92/43/CEE, no Catálogo Español de Especies Amenazadas (Real Decreto 139/2011) e no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007) presentes na zona e contemple a adaptación do proxecto para evitalas totalmente no caso de especies de interese comunitario e/ou en perigo de extinción, pois non existen razóns imperiosas de interese público de primeiro orden (artigo 6 da DC 92/45/CEE, artigo 45 da Lei estatal 42/2007) para que sexan afectados por un proxecto de explotación mineira de ouro, ou para mitigalas no caso das restantes especies catalogadas.
Ademais, no caso de especies catalogadas como vulnerables ou en perigo de extinción, o EIA debería contemplar a inclusión de todas as medidas preventivas e/ou correctoras recomendadas nos Plans de conservación de especies ameazadas que teña elaborados (ou en elaboración) a Xunta de Galicia de acordo co previsto nos artigos 15 e 16 do Decreto 88/2007.
Riscos sanitarios, económicos e ecolóxicos
SGHN considera imprescindible que o EIA inclúa unha simulación dos efectos sanitarios, económicos e ecolóxicos do peor accidente posible: rotura da(s) balsa(s) mineiras con vertido total ao cauce do río Anllóns da cantidade máxima da solución de cianuro sódico a pH 10,5 que prevexa empregar. Dita simulación é imprescindible á vista dos precedentes noutros casos de minería metálica a ceo aberto, por exemplo a rotura da balsa mineira en Aznalcollar cos seus dramáticos efectos ambientais e económicos sobre o río Guadiamar e a contorna do Parque Nacional de Doñana.
Seguro que cubra os riscos de pior accidente posible
Na avaliación da viabilidade económica do proxecto deberían incluirse os custes da contratación dun seguro de responsabilidade civil cunha compañía de seguros radicada na Unión Europea e suxeita á lexislación da UE, para facer fronte a todos os danos previsibles de acordo coa simulación do punto anterior. Esta petición da SGHN sitúase na liña do establecido pola Directiva 2004/35/CE e a Lei estatal 26/2007 sobre responsabilidade medioambiental en relación coa prevención e reparación de danos medioambientais: “La responsabilidad medioambiental es, además, una responsabilidad ilimitada, pues el contenido de la obligación de reparación (o, en su caso, de prevención) que asume el operador responsable consiste en devolver los recursos naturales dañados a su estado original, sufragando el total de los costes a los que asciendan las correspondientes acciones preventivas o reparadoras”