Día das aves migratorias primavera 2026

A segunda semana de maio celébrase o día mundial das aves migratorias e, como vén sendo o noso costume nos últimos anos, organízamos unha actividade de observación de aves, nesta ocasión na contorna da cidade de Ourense o día 10/05/2026. O lugar elixido foi o Botánico de Montealegre, un espazo accesible onde a observación de aves ligadas a áreas humanizadas é bastante sinxela dando un paseiño.

Desde o aparcamento empezan a escoitarse as primeiras especies: ferreiriños, siríns e cirrios mentres se avanza ata as instalacións nas que se atopa unha cristaleira provista de siluetas de aves rapaces que dá pé a falar do problema da colisión de aves contra os cristais, superficies que as aves non perciben. A solución para evitar o problema da colisión das aves ten necesariamente que facer “visible” o cristal con colocación dalgún elemento que as aves interpretarán como obxectos sólidos que deben evitar, a instalación de siluetas de aves rapaces non funciona no sentido de que as aves identifiquen a presenza dun predador senón máis ben como elemento que establece a presenza dun obxecto traslúcido que parece o ceo.

Con tranquilidade discorre a mañá mentres se identifican diversas aves e gózase das vistas da cidade tentando localizar distintos puntos de interese, entre eles, o niño de cegoñas do guindastre do Museo Arqueolóxico. Entre observación e observación cae un chuvasco que dá pé a dedicar un intre á conversación ata que chega o momento de ir rematando a xornada que inclúe a visita á colección de plantas insectívoras do Botánico.

Como sempre entre observación e observación, despedida e despedida a mañá toca ao seu fin e no aparcamento despídenos un gaio que se esforzaba en buscar alimento entre a vexetación. Moitas grazas aos participantes e aos que fixeron posible esta xornada .. só queda esperar á segunda semana de outubro para volver celebrar o Día das Aves migratorias.

  • Divulga ti tamén!