Caendo este 2026 o Día do Naturalismo Galego -9 de marzo- en laborable, a proposta da SGHN foi convidar aos socios a participar nun censo informal de durmidoiros de aves en contornas urbanas, proposta sinxela a medida de cadaquén e de interese a ter en conta na xestión do arboredo urbano.
Os compañeiros da Delegación de Ourense organizaron unha curta saída polo barrio das Lagoas sendo o punto de atención a Sobreira de Loña, un exemplar incluído no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia ao que se lle estiman uns 300 anos.
Durante os primeiros momentos da xuntanza rexistrouse a presenza de varias especies de aves: Xirín europeo, Verderolo europeo, Estreliña riscada, Corvo viaraz, Pombo torcaz, Pega rabilonga, … e grupos de estorniños que se movían entre as árbores das beirarrúas e das zonas verdes entre os edificios e a rúa.
O punto de interese, como non podía ser doutro xeito, foi a monumental e fermosa sobreira cunhas reflexións sobre o seu estado de conservación. Sendo un pouco observadores, como o son os naturalistas, o que máis chama a tención é que:
- Aínda que se conservan os postes do valado de protección, falta parte da corda que unía os postes de xeito que se pode chegar ata o tronco.
- A árbore medra descompensada pola competencia cun conxunto de 3 Cedrus deodara moi próximos.

Enténdese que a sobreira ten un enorme valor e acórdase solicitar ao Concello e máis á Consellería de Medio Ambiente a avaliación do estado xeral da sobreira, especialmente no tocante a reducción de copa pola competencia cós cedros próximos así como a analise visual dos cedros tendo en conta a perda de verticalidade das arbóres e a inclinación dos seus fustes que poden pór en risco a seguridade das persoas, vivendas e infraestructuras.
Entre reflexión e reflexión vai caendo a luz e chega o momento de contar as pegas do durmidoiro da Praza de Fernández Fulgosio, onde se atopa unha dobre ringleira de plátanos de sombra -afortunadamente non podados dende fai un tempo- e que son ocupados por grupos ruidosos de pegas, nun primer conteo 85 exemplares e no último xa con pouquiña luz 123.
Para rematar sinalar que a actividade causou algunha sorpresa ao vecindario que non tiña moi claro o que facía tanta xente a esas horas no seu barrio. Finalizada a actividade aínda quedou tempo para falar, comentar e ir organizando as seguintes actividades … que pronto se concretarán. Moitas grazas a todos os que participaron e ata a próxima.

